Desde o Concello de Quiroga animan aos veciños e veciñas a utilizar o Punto Limpo
Dende o Concello de Quiroga informan que está totalmente prohibido tirar nos contedores ou ao seu carón residuos voluminosos como persianas, armarios, etc., que deberían ser depositados no punto limpo.
Para iso, os últimos venres de cada mes ábrense as instalacións do Punto Limpo para todos aqueles usuarios que queiran levar refugallos dos que se queiran desfacer sen custo algún. Este servizo abrirá o venres 30 de agosto gratuitamente en horario de 9.00 ás 13.00 horas.
No Punto Limpo deben ir residuos voluminosos -mobles, colchóns, electrodomésticos ou plásticos de envoltura-, todos eles residuos que non teñen contedores específicos para a súa recollida instalados na rúa.
A decisión de abrir gratuitamente un día ao mes veu motivada pola demanda da veciñanza para poder depositar o lixo que se xera nos fogares e que non se poden botar noutros contedores. Outro dos motivos que levou a abrir estas instalacións municipais é o de evitar que aparezan vertedoiros incontrolados en puntos do municipio. O que non se permite é deixar o lixo tirado na súa entrada, unha falta de civismo que pode ser multada como contempla a ordenanza municipal.
Ademais desta xornada gratuíta e de portas abertas, mantense o servizo de recollida a domicilio para levar estes residuos ao Punto Limpo chamando ao teléfono 636 693 500. Este servizo ten un custo que rolda os 3 euros por electrodoméstico, ao que se engaden 22 céntimos por cada km que sexa preciso percorrer ata o lugar indicado.
Tamén se mantén a apertura do punto limpo previa cita fóra da xornada de portas abertas, pero neste caso tamén é preciso aboar a taxa correspondente por residuo que se vaia depositar.