Desde Interior Galego Vivo piden que se tomen medidas ante a "crise de produtores da uva na DO Ribeira Sacra"
Interior Galego Vivo apela a tomar medidas ante a crise de produtores de uva na DO Ribeira Sacra, xa que indican que "hai unha crise de excedentes de uva na Denominación de Orixe na Ribeira Sacra que leva tempo fraguándose e que engade un problema máis ás dificultades de produción e sostemento do emprego no sector vitícola das comarcas ribeirás do Sil e do Miño".
Así, din que "urxe adoptar medidas, pois cada vez hai menos viticultores nas bacías do Cabe, do Bibei, do Sil, do Miño... Moitas máis son aínda as persoas que están convencidas de abandonar ou vender e o relevo xeracional é cada vez máis difícil. A estrutura da propiedade e da produción é tan fráxil, cunha elevada idade media, que poden desaparecer en poucos anos unha gran cantidade de persoas produtoras de uva".
Este ano hai provedores de uva que temen quedar con toda a produción sen recoller, posto que, explican, ao estar saturado o mercado para os viños tintos, as adegas non mercan a produción. "A situación supón que hai xente que quedará con toda produción sen recoller e mesmo hai quen pensa en vender as viñas, mentres se autorizan novas plantacións que non están precisamente en socalco nen configuran a paisaxe e a identidade da DO Ribeira Sacra".
Medidas propostas por IGV
Así, desde IGV identifican que o problema non é un conflito entre produtores e adegueiros, "senón unha crise de modelo que esixe actuar a curto e medio-longo prazo.
Por unha parte, din que "cómpre establecer incentivos para manter o tipo de cultivo tradicional en pendente, amurado, máxime cando esta forma de aterrazamento e cultivo está dentro da Paisaxe Cultural BIC Ribeira Sacra. Para iso, necesítanse liñas de apoio directo ás e aos produtores deste tipo de parcelas, polo plus de traballo e custos que esixe manter a paisaxe. Isto incentivaría a recuperación de viñedos históricos e exixe que a PAC se adapte á nosa realidade para que se primen as hectáreas de viñedo en socalco".
Tamén, para apoiar a toda a xente que produce uva, cren que a PAC debería chegar ao viñedo en ladeira, tanto para agricultores a título principal como para persoas produtoras de uva que o fan como economía complementaria. A este respecto, "cómpre abordar a posibilidade de paralizar na DO as novas plantacións de viñedo, sempre que non sexan replantacións en ribeira amurada. Esta moratoria non debería ser inferior a 5 anos que deberían ser suficientes para elaborar unha delimitación cartográfica da zona de produción da DO, na que quede marcada a produción en socalcos ou muros, que será a que debe receber axudas e un especial pulo polo seu carácter heroico".
Por outra banda, din que hai que incentivar a diferenciación e a calidade a través dos controis de produción, buscando ampliar mercados con demanda regular, e abordar a diferenciación territorial da uva e dos viños, "isto é, ademais das subzonas, traballar na catalogación de parcelas de ribeira, en muros de só un ou, como máximo, dous liños de cepas. Se a produción de viñedo en pendente e en muras tradicionais é un valor, cómpre recoñecelo e dignificalo en maior medida", subliñan.
En canto á paisaxe, é esencial ir traballando na disposición de oferta formativa de cantería na zona, que inclúa a formación na reparación e construción de muros tradicionais da ribeira, e que a Xunta e o Consello Regulador reforcen o asesoramento a novos viticultores explicando as liñas de axuda e facilitando a burocracia para procedementos complexos como incorporacións ou reestruturacións e co alvo de diminuír custes e prazos.
Unha situación que cualifican de "moi grave"
Na maridaxe co turismo, din, "é esencial mellorar a promoción dos nosos viños na hostalería do xeodestino Ribeira Sacra, incentivando a oferta hostaleira de viños locais".
En canto á necesidade urxente de dar saída aos excedentes, "a Xunta debería tomar en serio a destilación destes excedentes nas adegas este ano 2024, implentando unha planificación a curto prazo e cunha liña de axudas ás adegas para tal fin. Hai que ter en conta que os destilados son tamén un produto tradicional da zona: Portomarín, Chantada ou Sober dan boa fe disto sen esquecer o último artesán do cobre en Peares", explican.
"A situación é moi grave", destacan, polo que se necesita diálogo entre o sector e apoio total das administracións, pois a elevada idade media das e dos produtores sitúanos nun momento de extrema fráxil. Non hai “patrimonio da humanidade” sen persoas e sen ribeiras e non hai futuro digno para as nosas parroquias sen un sector primario onde a agricultura familiar sexa viable.
"Dende Interior Galego Vivo reivindicamos o máximo apoio das administracións, especialmente a Xunta, para o sector e a necesidade dun diálogo e foros técnicos para abordar solucións a curto e medio prazo, para non deixar tirada á xente que manten vivo o territorio", conclúen.