Descontento no CEIP Xoán de Requeixo pola solución dada ás súas queixas polo horario do transporte

RibeiraSacraXa
Levan cinco meses esixindo unha solución para que os nenos do rural non teñan que agardar preto dunha hora polos buses escolares
ceip xoan de requeixo chantada
11 Feb 2021

"Indignados e discriminados". Así din sentirse os pais e nais dos escolares do CEIP Xoán de Requeixo, de Chantada, despois de que a Xunta modificase os horarios de dúas das liñas de transporte escolar do centro como resposta ás súas demandas.

A Anpa do colexio chantadino vén solicitando, dende o pasado mes de setembro, o cambio nos horarios do transporte escolar. Naquel momento, xa iniciado o curso, o colexio pasaba a xornada continua, aducindo motivos relacionados coa prevención da covid-19. Cambiaba entón o horario do colexio, pero non o dos buses que devolven aos nenos e nenas ás súas casas. Isto supón que os nenos que viven na localidade de Chantada poden irse para as súas casas ás 14.30h -ou ás 15.15 horas, unha vez finalizado o servizo de comedor-, pero os que teñen que facer uso do transporte, vense na obriga de agardar polos buses ata as 16.00 horas nos patios exteriores do centro. A Anpa nunca compartiu estas diferenzas e comezaron as reclamacións.

"Consideramos que existe unha discriminación hacia os nenos, que seguen obrigados a permanecer case unha hora máis que os seus compañeiros no centro, polo simple feito de vivir en núcleos rurais", denuncian os representantes dos pais e nais.

Despois de cinco meses loitando por unha solución, a Xunta notificáballes o pasado martes o cambio inmediato no horario de dúas liñas, a de Basán Pequeno e a de San Lucas. Son dúas, das oito que funcionan no CEIP Xoán de Requeixo. "A resolución chega tarde, mal e a rastro. Conceder o cambio de horario de tan só dúas rutas parécenos insuficiente e totalmente impropio dunha escola pública", lamentan dende a Anpa.

NOVA RECLAMACIÓN

A asociación de nais e pais presentou este mércores outro escrito, neste caso ante a Xefatura Territorial de Educación, solicitando novamente o cambio no horario de todas as liñas. "Sentimos incredulidade pola incapacidade da administración educativa para solucionar un problema que ela mesma creou", recoñecen.

Os membros da Anpa agardan unha nova resposta que, ao fin, remate coa "desigualdade de oportunidades" dos nenos e nenas polo simple feito de vivir no rural. Aínda así, cansos da situación, moitos proxenitores optan xa por recoller persoalmente aos seus fillos ao remate da xornada escolar.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17648696899414