Deloreans e El Tarot de Toth serán as seguintes actuacións do Ciclo de Concertos de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recorda que este martes, 3 de agosto, continuarán as actuacións correspondentes á terceira edición do Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos.
Este ciclo foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022, e tivo continuidade en 2023 e “dado o éxito acadado, volvemos a incluílo na nosa programación de verán de 2024, apostando decididamente por darlle protagonismo á actuacións de grupos monfortinos. Tan é así o éxito acadado, que se constituíron nestes tempos novos grupos de músicos locais”, subliña o rexedor.
Neste senso, o ciclo é “unha aposta decidida do Concello por dar visibilidade e poñer en valor ós nosos grupos musicais, que ademais contarán cunha boa produción para que as súas composicións soen coa calidade profesional que merecen”.
O ciclo deu comezo o pasado 19 de agosto e nel participan 13 grupos monfortinos que deselvolveron as súas actuacións musicais na Praza da Compañía, na Praza da Estación e na Praza de España.
Os grupos monfortinos protagonistas das dúas últimas xornadas deste ciclo serán Deloreans, o martes 3 de setembro ás 22.30 horas e El Tarot de Toth ás 00.00 horas, na Praza de España.
Ademais, o mércores 4 de setembro será a quenda de Entrecordas ás 22.30 horas, Cerodouscero ás 23.45 horas, e Los Jinetes del Trópico ás 01.00 horas na Praza da Estación.
Este ciclo de concertos é “unha aposta firme do Concello de Monforte polos grupos monfortinos, para dar a coñecer a súa creatividade e as súas propostas en diferentes estilos musicais tanto ós nosos veciños como ás persoas que nos visitan”, sinala o alcalde. “En definitiva, o noso obxectivo é poñer en valor ós grupos musicais da cidade, incluíndoos no Programa do Verán Cultural, e dándolles así o recoñecemento que merecen”.