Decenas de persoas participaron nunha manifestación pola paz en Monforte

RibeiraSacraXa
O alcalde, José Tomé, acompañado por varios representantes do seu equipo de goberno, sumouse a esta mobilización para reclamar o fin do xenocidio en Gaza
manifestacion-pola-paz-monforte
Manifestación pola paz en Monforte
13 Jul 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou este sábado, 12 de xullo, na manifestación celebrada na Praza de España de Monforte de Lemos para reclamar unha paz xusta e o cesamento definitivo do fogo baixo o lema “Pola Paz, polo fin do xenocidio”. Tomé estivo acompañado por outros membros do equipo de goberno, entre os que se atopaban a tenente de alcalde, Gloria Prada; o concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Servizos, José Luis Losada; a concelleira de Consumo, Regina López; e a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

A concentración, convocada pola plataforma pararlaguerra.es, fixo un chamamento á cidadanía, independentemente de ideoloxías ou crenzas, para sumarse a esta mobilización e ás convocatorias que tiveron lugar noutras cidades, co obxectivo de reclamar o fin do xenocidio e apoiar a causa da paz.

No manifesto difundido pola plataforma promotora, insistíase na necesidade de transformar a indignación mundial en accións pacíficas, unidas e solidarias contra o xenocidio. “A guerra non nos é indiferente, porque é un gran monstro que pisa toda a inocencia da xente máis vulnerable”, lembraron.

O manifesto tamén puxo o foco na situación extrema que viven os nenos e nenas da Franxa de Gaza, alertando, segundo datos da ONU, de que poderían comezar a morrer por miles cada día se non chega axuda humanitaria inmediata. Sinalaron que se trata dun dos momentos máis crueis e letais dun conflito que o goberno israelí leva vinte meses perpetrando na zona, poñendo en risco a paz rexional e global e abrindo a porta a unha escalada bélica de consecuencias imprevisibles.

Ante esta realidade devastadora, pararlaguerra.es anima á poboación a mobilizarse en concentracións pacíficas para mostrar o rexeitamento a este conflito e demandar unha paz xusta e duradeira.

⚙ Configurar cookies
0.16450595855713