Decenas de persoas participaron en Quiroga nunha xornada técnica sobre a elaboración do aceite de oliva virxe extra

O pasado venres 24 de xaneiro, tivo lugar na Casa da Cultura de Quiroga unha xornada organizada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, enmarcada na programación da XXVI Mostra do Aceite de Quiroga.
Baixo o título “Elaborar aceite de oliva virxe extra de calidade en Galicia. Cara a unha calidade diferenciada do AOVE galego”, varios expertos analizaron e debateron sobre a produción e calidade do Aceite de Oliva Virxe Extra en Galicia.
A apertura da xornada correu a cargo do alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, da conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, e do director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte. Tamén estivo presente o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Vicente Parra.
Durante a súa intervención, o alcalde lembrou que a XXVI Mostra do Aceite se celebrará os días 14 e 15 de marzo, e agradeceu a quen, hai 26 anos, apostaron por un produto de calidade como é o aceite de Quiroga e o seu contorno. Pola súa banda, a conselleira María José Gómez destacou a importancia de impulsar e dar a coñecer este produto galego de alta calidade para fomentar o seu consumo e, ao mesmo tempo, apoiar o desenvolvemento do medio rural. Ademais, sinalou que a Consellería seguirá promovendo axudas específicas para cultivos emerxentes no próximo período da PAC 2028-2034.
Tras a apertura, interviron expertos como Higinio Mougán, de AGACA, que falou sobre a elaboración do AOVE en Galicia; Francisco Vilela, presidente da CAOM e director técnico da Cooperativa de Olivicultores de Murça, que centrou a súa intervención en explicar a produción de aceites atlánticos premium desde a perspectiva dunha cooperativa; e Anabela Fernandes, profesora da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, que tratou a tecnoloxía aplicada para controlar a calidade no proceso de elaboración.
A xornada continuou cunha cata técnica dirixida por António Pavão, director técnico de Casa de Santo Amaro e presidente da Asociación de Agricultores de Portugal (APPITAD), quen explicou a cata como ferramenta técnica. A cata realizouse no Centro Social, con análise sensorial de AOVEs portugueses e galegos.
O acto rematou cunha demostración culinaria a cargo do chef Martín Mantilla, do Restaurante Berso de Sober, recentemente recoñecido pola Guía Michelin, que amosou a aplicación gastronómica do AOVE galego como valor engadido ao produto final.