Decenas de persoas participaron en Chantada nun obradoiro sobre saúde emocional na adolescencia

Este pasado venres, 9 de maio, tivo lugar no Auditorio Municipal de Chantada o obradoiro titulado “Adolescencia e contido online: efectos na saúde emocional”, unha actividade organizada polo Concello de Chantada e impartida pola educadora social Paula Santos.
O encontro estivo dirixido a familias e á poboación en xeral interesada na relación entre a adolescencia e o uso das tecnoloxías dixitais. Ao longo de 75 minutos, abordáronse cuestións clave sobre as Tecnoloxías da Relación, a Información e a Comunicación (TRIC), os seus beneficios e riscos, e as estratexias para acompañar á mocidade nun uso responsable e emocionalmente seguro destes recursos.
A través de dinámicas participativas e simulacións de situacións reais, reflexionouse sobre como afectan os contidos en internet á saúde emocional da adolescencia. A proposta puxo o foco na importancia de establecer límites, promover o pensamento crítico e reforzar o acompañamento emocional dentro do núcleo familiar.
O obradoiro buscou, en definitiva, fomentar ferramentas prácticas para mellorar a convivencia, o benestar e a comprensión interxeracional nun contexto crecente de exposición dixital.