Decenas de mulleres participaron da ‘Nós trazamos o camiño’ do proxecto Redes Lilas
A penúltima actividade da programación dos Servicios Socias do Concello de Sober, ‘Redes Lilas’, foi unha ruta baixo o nome de ‘Nós trazamos o camiño’, de dificultade moderada e 4,5 quilómetros de distancia.
As participantes saíron ás 11.30 horas do miradoiro da Cividade cara o do Boqueiriño, ao que chegaron ás 12:15 horas e onde seguiron a desfrutar das vistas do Canón do Sil mentres realizaban un descanso.
As sendeiristas puxeron rumbo ao punto de partida, compartindo durante todo o camiño conversas e o deleite da contorna natural. Unha vez alí, provistas de vasos e platos de cartón, compartiron bebidas, empanadas e tortilla procedentes de comercios e locais de restauración de Sober.
Alimentos e vaixela foron preparados e proporcionados pola educadora social Selene Arias Sáez e o Concello de Sober. Moitas e moi diferentes A actividade, con preto de 40 mulleres anotadas, estivo completamente adaptada á variedade de perfís existentes no espectro feminino.
Acción e ambiente adecuáronse a toda diversidade posible, dende a modulación do impacto físico da ruta ata a atención á conciliación cos coidados, xa que tanto menores como mascotas foron benvidas.
O deporte foi a quinta aposta do proxecto co obxectivo de crear un espazo para a muller e traballar os vínculos relacionais entre descoñecidas e coñecidas.
Coa suba da participación, contando con persoas de concellos veciños e unha muller de Suíza recentemente residente en Monforte de Lemos, ‘Redes Lilas’ está a logar tecer unha rede de apoio e referencia.
A última proposta do calendario consistirá na elaboración dun mural artístico cunha mensaxe relacionada co discurso feminista nas instalacións do Concello de Sober.