Dano Cerebral Galicia impartirá unha charla en Folgoso do Courel para sensibilizar sobre o dano cerebral adquirido

Dano Cerebral Galicia, a Federación que reúne as cinco asociacións desta discapacidade que hai na nosa comunidade autónoma, leva o 12 de marzo a Folgoso unha charla que ten como obxectivos informar sobre as causas -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido dispoñibles na contorna da localidade do Courel.
Esta sesión informativa está organizada en colaboración co Concello de Folgoso do Courel, e vai ter lugar o mércores 12 de marzo ás 17:30 no Salón de Actos do Concello. É unha actividade aberta a todo tipo de público, dunha duración estimada de hora e media. Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse chamando ao 982 433 001 (Concello de Folgoso do Courel).
Identificación e prevención do dano cerebral adquirido
O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas e que está causada na maioría dos casos por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico (derivado sobre todo de accidentes de tráfico, pero tamén laborais, golpes, caídas...). A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus.
Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros), ambos factores de risco do ictus. Ademais, o desenvolvemento da atención médica de emerxencias provoca que se salven vidas que continúan, pero con discapacidade adquirida.
Durante a sesión informativa achegaranse recomendacións para a prevención, así como nocións sobre como identificar un ictus, describiranse as secuelas -moitas delas invisibles, como as condutuais, emocionais ou as cognitivas-, detallando as principais necesidades das persoas e familias con dano cerebral adquirido, e ofrecerase todo o abano de recursos de atención dispoñibles.
Apoio institucional
Ademais do apoio do Concello de Folgoso do Courel, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.