Dan un paso máis no proceso de construír o Museo Manuel Jorge de Chantada

RibeiraSacraXa
As obras do futuro museo comezarán a principios de novembro e prolongaránse ata principios de 2026 e o seu inicio supón "a culminación de máis de dous anos de traballo e planificación"
Sinatura-obra-Museo-Manuel-Jorge-Chantada
24 Out 2024

A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada asinou o contrato de reforma do edificio do Cantón chantadino, que será transformado no Museo Manuel Jorge, Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra.

A obra será executada pola empresa Inside, con sede en Santiago de Compostela, en colaboración co Estudio X+P de Chantada, responsables do proxecto de restauración xunto cos arquitectos Marta Marcos e Baltasar Otero.

Na sinatura do acordo, realizada nas instalacións de Estudio X+P que supervisará a execución da obra, estiveron presentes, por parte da Asociación chantadina, a súa presidenta Mercedes Vázquez, Plácido Moure, secretario, e Yoyes Jorge, tesoureira. Por parte da empresa, acudiron o seu director xeral, Francisco Sánchez, e o director de construcción, Gonzalo Aldrey. Inside foi a empresa escollida entre as catro propostas recibidas pola Asociación.

Para a súa elección, tívose en conta a experiencia en restauración e obra civil para uso público e o compromiso co proxecto, para o que contarán con proveedores e profesionais de Chantada e comarca.

As obras do Museo

As obras do futuro museo comezarán a principios de novembro e prolongaránse ata principios de 2026 e o seu inicio supón "a culminación de máis de dous anos de traballo e planificación que comezaron coa compra da casa do Cantón", sufragada en parte cunha axuda da Deputación de Lugo.

Despois, redactouse o proxecto arquitectónico e tramitáronse todos os permisos, incluídos os de Patrimonio e do Concello de Chantada, de onde se recibiu apoio para axilizar os trámites.

Este Museo é unha inversión privada apoiada principalmente no legado do propio pintor, quen deixou o seu patrimonio á Asociación chantadina para crear un espazo cultural na súa vila natal.

Para acometelo na súa totalidade, a Asociación segue buscando apoios económicos, co convencemento do valor cultural e social que aportará a Chantada e a Ribeira Sacra.

O obxectivo, é que estea operativo na primavera de 2026, que será cando a Unesco decida se recoñece este territorio como Patrimonio da Humanidade, e estaremos ademais cos preparativos do Xacobeo 2027, no que o Camiño de Inverno, que pasa xunto ao Museo, será unha das rutas destacadas.

Dúas zonas expositivas, talleres e arquivo

Na web poden coñecerse os detalles do futuro Museo, dende a estética ata a distribución interior. Trátase dun edificio histórico de dúas plantas e baixo cuberta.

Na planta baixa, á que se accede dende a Praza de España, máis coñecida como Cantón, haberá un sala de exposicións, unha recepción e tres aulas para talleres de artes plásticas e artes dixitais.

Na primeira planta haberá outro gran espazo expositivo, unha sala de conferencias e proxeccións, a recreación do estudio de Manuel Jorge, e mais unha biblioteca e sala de investigadores.

O baixo cuberta estará dedicado a oficinas e depósito de conservación da obra. Na restauración respectarase a esencia do edificio, adaptándoo as necesidades dun espazo pensado para un uso público. Conservaranse elementos tradicionais como a galería de madeira, as escaleiras interiores e mais o artesonado de madeira da súa biblioteca.

Dende o punto de vista estético, terá espazos inspirados na arquitectura mediterránea de Manuel Jorge que conectan coa construcción tradicional galega.

0.19059610366821