Da comezo a 14ª edición do Estase Cocendo de Monforte

RibeiraSacraXa
Desde hoy 26 de febrero y hasta el 27 de marzo se podrá disfrutar en los bares y restaurantes de Monforte de la 14 edición Estase Cocendo.
estase cocendo monforte
26 Feb 2022

A primeira tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, participou no acto de presentación da 14ª edición do evento Estase Cocendo, certame organizado pola delegación en Monforte da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo. Estas xornadas gastronómicas arredor do cocido desenvolveranse en restaurantes e bares de Monforte e do resto da Ribeira Sacra dende hoxe sábado 26 de febreiro e ata o 27 de marzo.

No acto de presentación do Estase Cocendo, ademais da 1ª tenente de alcalde, estiveron presentes o secretario da Asociación de Hostaleiros de Lugo, Jacobo García, o deputado provincial da área de promoción económica e social da Deputación de Lugo, Pablo Ribera, a xefa de turismo da delegación da Xunta de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez, a directora do Hospital comarcal de Monforte, Inmaculata Ramos, en representación do colectivo de sanitarios, que foi homenaxeado nesta edición, así como diversos membros da Corporación municipal, autoridades, e sanitarios. O acto foi presentado pola xornalista Manola Porto.

Na súa intervención, Gloria Prada destacou e agradeceu á Asociación de Hostaleiros de Lugo a recuperación deste certame gastronómico, logo de que o 14 de marzo de 2020 se tivera que suspender a celebración deste certame por coincidir co inicio da pandemia da Covid-19.

A representante municipal recordou que “foi, e desgraciadamente segue sendo, unha crise que afectou especialmente ó comercio e á hostalería, sectores ós que apoiamos economicamente dende o Concello, con diversas liñas de axudas e tamén co reparto de material sanitario”.

Por iso, subliñou a 1ª tenente de alcalde, “a recuperación pasa por volver á normalidade, como ben di o noso alcalde, e poder celebrar de novo a que vai ser a edición número 14 do Estase Cocendo, creo que é unha boa volta a esa normalidade que todos desexamos”.

Do mesmo xeito, Prada salientou que “o Concello de Monforte vai continuar colaborando con esta proposta xa que é un elemento máis que contribúe a dinamizar a actividade da nosa hostalería e que tamén axuda a aumentar o número de persoas que deciden achegarse a visitar a nosa comarca”.

Respecto da homenaxe que se rendeu nesta edición ó colectivo sanitario, Gloria Prada manifestou que “consideramos un acerto que a homenaxe desta edición recaía simbolicamente nun colectivo importantísimo durante esta pandemia, que é o colectivo do persoal sanitario que durante a pandemia puxeron a súa profesionalidade ó servizo dos cidadáns, loitando en primeira liña contra a Covid-19, salvando vidas e arriscando as súas propias vidas”.

Para rematar a representante do Concello animou tanto ós veciños da cidade como a todos os turistas e visitantes que nestes días se achegan a Monforte e á Ribeira Sacra a participar neste evento e degustar as saborosas elaboracións que conforman este Estase Cocendo. E concluíu manifestando o seu “desexo de que ano tras ano esta cita gastronómica siga medrando e consolidándose, porque é un elemento máis que axuda a incrementar o noso potencial turístico”.

0.18913888931274