C@urel Vivo propón unha bonificación para as familias con nenos escolarizados no municipio
A organización comunitaria C@urel Vivo levará esta proposta a debate no vindeiro pleno ordinario para solicitar a redución dos valores catastrais e un aumento nas bonificacións para as familias que certifiquen que teñen fillos ou fillas escolarizadas no concello.
Tal e como afirma o seu voceiro, Óscar Carrete Lage, “O concello de Folgoso do Courel leva anos sendo un dos concellos no que máis sobrevaloradas están as casas, polo que afecta directamente á cota anual que os veciños e veciñas pagamos polo Imposto de Bens Inmobles, por ter aplicado un valor catastral moi por encima do valor real de mercado e moi por encima de moitos municipios con unha renda media per capita moi superior á nosa”.
Carrete destaca tamén que “Temos un catastro cuns valores prefixados moi por encima doutros concellos limítrofes. Por exemplo, pagamos o triplo de valor de urbana que en Triacastela, un 20% máis do que paga un veciño de Ribas de Sil, Samos ou o 30% máis que un de Pedrafita. O malestar da nosa veciñanza está mais que xustificado, cando estamos a pagar moito máis de contribución polas vivendas que concellos limítrofes”, sinala o voceiro da organización.
Dende C@urel Vivo recoñecen que “É moi necesario tamén para a viabilidade do noso concello conservar as familias que hai e atraer outras novas con nenos, que vivan e estean escolarizadas no Courel. É un feito de especial interese xa que cantos máis nenos haxa escolarizados no Courel, máis vida terá o noso colexio, mellorarán os nosos negocios locais, haberá máis transportistas e máis vida nas aldeas”.