Cruce de reproches entre o PP e o PSOE pola situación das estradas en Folgoso do Courel

RibeiraSacraXa
Dende a Deputación de Lugo denuncian o abandono da estrada LU-651, de tituaridade autonómica, mentres que os populares piden o arranxo das estradas provincias do municipio
LU-P-5601, Folgoso do Courel
LU-P-5601, Folgoso do Courel
31 Jan 2025

O presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, cargaba o pasado martes contra o Partido Popular pola situación actual do tramo entre Folgoso e Seoane, no Courel.

Tomé denunciou que “o tramo de estrada que tiña que facer a Xunta entre Folgoso e Seoane leva sen facer máis de 15 anos”. Lembrou ademais que “a Deputación de Lugo fixo o tramo entre Pedrafita e Seoane. Con todo, o do medio, que é responsabilidade da Xunta de Galicia, ten ao Courel totalmente abandonado”, e sentenciou que “non fixeron nada do que tiñan que facer”.

Precisamente ese martes, o Pleno da Deputación sacou adiante unha moción dos socialistas para pedirlle á Xunta de Galicia que repare a estrada LU-651 do Courel e un plan integral de mellora para as vías de titularidade autonómica na provincia de Lugo. A iniciativa contou cos votos a favor do BNG e os votos en contra do PP.

Tomé Roca valoraba neste caso de “vergonza” “que o PP se dedique a criticar as fochancas dos demais, a tardanza do Goberno en facer os viadutos do Castro que xa están funcionando porque se construíron en tempo récord, e sen embargo ten a estrada do Courel desde fai tres anos sen tocar”. Explicou que ademais de ter por facer o tramo que se derrubou, o tramo que tiña que facer a Xunta desde hai máis de 15 anos entre Folgoso e Seoane para mellorar as comunicacións da Montaña lucense está “empantanado” mentres  a Deputación si acometeu o treito que lle correspondía entre Pedrafita e Seoane.

García Porto explicaba durante o Pleno que en marzo do 2022 afundían 200 metros desta estrada LU-651 do Courel e dous anos e 10 meses despois a veciñanza continúa sen recuperar a conexión viaria, lamentando precisamente o “funambulismo político” do PP ao que aludía o Presidente para criticar ao Goberno do Estado e á Deputación polo mal estado e a falla de investimento na rede provincial de estradas “calando ante o esforzo orzamentario da institución provincial que se ten incrementado nun 42% ata os 27 millóns de euros” e “sen mencionar o abandono da estrada de Folgoso do Courel”.

O PP pide que se arranxen as estradas provinciais

Pola súa conta, o PP respondeu este venres ao presidente da Deputación de Lugo, acusándoo de abandonar “aos veciños de Folgoso do Courel ao ter abandonadas por completo as estradas provinciais neste municipio”.

O voceiro popular provincial, Antonio Ameijide afea que “PSOE e BNG tenten acusar á Xunta de abandonar este concello, cando é a administración que se puxo a traballar dende o primeiro día para solucionar o corte dunha estrada autonómica” mentres que “José Tomé non sabe nin o estado das estradas provinciais no Courel porque hai tempo que non o pisa”.

Sinalan dende o PP que o Concello de Folgoso do Courel é un dos que máis quilómetros de estradas provinciais ten, con 103.214 quilómetros “totalmente abandonados”, tendo como casos máis graves a estrada LU-P-5601 que, ao seu paso por Paderne, ten un treito de varias decenas de metros “no aire” xa que a terra sobre a que se asenta a estrada correu cara abaixo “perdendo así gran parte do apoio que sostén esta vía e afectando incluso a unha vivenda”, ademais das estradas LU-P-1303, LU-P-1304, LU-P-1306, LU-P-4501 e LU-P-4701 que están nun estado “intransitable e, senón se actúa pronto, ata os veciños van a ter que tapar os baches con terra para poder transitar con algo de normalidade”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, recorda que o abandono por parte da Deputación cos seus veciños “é maiúsculo” xa que “somos un dos concellos que quedou fóra do plan de mantemento das estradas provinciais anunciado para 2025”. “O peor de todo é que nos tratan como veciños de segunda ou terceira, porque tentan enganarnos co arranxo da estrada LU-P-1301 (conecta Seoane do Courel con Pedrafita) xa que unicamente van a actuar na parte da estrada que se atopa no termo municipal de Pedrafita do Cebreiro”, denunciou.

Para Lola Castro a actitude do goberno provincial “é unha verdadeira tomadura de pelo aos veciños do Courel” porque “somos nós os que temos que percorrer diariamente estas estradas, co perigo que supón debido á total falta de mantemento”.

Un abandono que, sinalan, “tamén se ve reflectido coa construción do centro de atención a maiores comprometido co municipio e cos seus veciños, mediante convenio asinado en 2018”.

Lola Castro explica que “o convenio para a residencia de Folgoso do Courel foi asinado no 2018, o Concello puxo os terreos a disposición no 2019, posteriormente a Deputación de Lugo presentou un proxecto con numerosos erros e, unha vez corrixidos, o Concello resolveu con dilixencia e outorgoulle a licenza municipal a comezos do 2022”. O convenio remata en xullo do 2025 e o goberno provincial acumula meses sen responder aos escritos da alcaldesa. Ao respecto, a rexedora defende que “os veciños e veciñas do noso municipio merecen respecto por parte do goberno da Deputación de Lugo”.

⚙ Configurar cookies
0.16718101501465