Cristina Estévez: “O GDR contribúe a que o rural poida decidir o seu propio futuro”

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
O Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra - Courel engloba trece concellos do sur da provincia de Lugo e ten como obxectivo o desenvolvemento sostible, promover o patrimonio e o xeoturismo
Xunta-directiva-GDR-Ribeira-Sacra---Courel
29 Mar 2026

Cristina Estévez, técnica do GDR que acolle os municipios de Triacastela, O Incio, Samos, A Pobra do Brollón, As Nogais, Bóveda, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.

En que consiste o traballo dos GDR e, concretamente, do Ribeira Sacra–Courel?

Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) somos entidades sen ánimo de lucro que  xestionamos no territorio o programa Leader, unha iniciativa europea orientada a  impulsar o desenvolvemento rural desde abaixo, contando coa participación activa da  poboación local.  O noso traballo consiste en deseñar e aplicar unha Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo adaptada ás necesidades reais do territorio. Isto implica apoiar persoas  emprendedoras, empresas, asociacións e administracións públicas na posta en marcha de  proxectos que xeren actividade económica, emprego e mellora da calidade de vida no  rural.  No caso do GDR Ribeira Sacra–Courel, traballamos nun territorio amplo, integramente  rural, con grandes valores paisaxísticos, patrimoniais e produtivos, pero tamén con retos  importantes como o envellecemento, a dispersión poboacional ou a falta de servizos. A  nosa labor non se limita a xestionar axudas: tamén dinamizamos, asesoramos, detectamos  oportunidades e acompañamos aos promotores desde a idea inicial ata a execución do  proxecto. En definitiva, actuamos como unha ferramenta de conexión entre os fondos europeos e  as necesidades reais do territorio, procurando que cada proxecto teña un impacto positivo  e duradeiro na comunidade.

Por que son importantes estes grupos de desenvolvemento para a sociedade dos trece concellos que engloba?

Os GDR son importantes porque permiten que as decisións sobre o desenvolvemento do territorio se tomen desde o propio territorio. O modelo Leader baséase nun enfoque participativo, no que están representados os concellos, o tecido empresarial, o asociativo e outros axentes sociais. Iso garante que os recursos se orienten ás necesidades reais da poboación e non a criterios alleos á realidade local. No caso dos trece concellos da Ribeira Sacra–Courel, falamos dun territorio rural con características comúns e tamén con problemáticas compartidas, como o envellecemento demográfico, a dispersión ou a necesidade de diversificar a economía. O GDR actúa como un espazo de coordinación e cooperación entre municipios, favorecendo proxectos que, moitas veces, teñen un impacto que vai máis alá dun único concello. Ademais, somos unha porta de acceso a fondos europeos que, doutro xeito, resultarían moito máis complexos de xestionar para moitas pequenas iniciativas locais. Grazas a este acompañamento, moitas persoas emprendedoras e entidades poden transformar unha idea nun proxecto viable que xera emprego, fixa poboación e dinamiza a vida social e económica do territorio. En definitiva, o GDR contribúe a que o rural non sexa un espazo pasivo, senón un territorio con capacidade para decidir o seu propio futuro.

Que accións se fan desde esta entidade en favor da comunidade, do medio ambiente...?

Desde o GDR traballamos en varias liñas complementarias. Por unha banda, apoiamos proxectos produtivos promovidos por persoas emprendedoras e empresas locais, que contribúen á creación de emprego, á diversificación económica e á fixación de poboación no rural. Por outra banda, tamén impulsamos proxectos non produtivos promovidos por concellos e asociacións, orientados á mellora de servizos, á recuperación de espazos públicos, á posta en valor do patrimonio cultural e natural ou á dinamización social. Este tipo de actuacións teñen un impacto directo na calidade de vida da veciñanza. No ámbito ambiental, fomentamos iniciativas vinculadas á valorización dos recursos naturais, á eficiencia enerxética, á economía circular e á protección da paisaxe, que é un dos grandes valores da Ribeira Sacra–Courel. O desenvolvemento rural hoxe non se entende sen un equilibrio entre actividade económica e sustentabilidade. Ademais da xestión de axudas, realizamos tarefas de información, asesoramento e dinamización territorial, promovendo a participación da comunidade e detectando novas oportunidades de desenvolvemento acordes coa nosa Estratexia. En conxunto, o noso obxectivo é contribuír a un territorio máis dinámico, cohesionado socialmente e ambientalmente responsable.

Que tipo de proxectos poden ser parte da convocatoria Leader dos anos 2026, 2027 e 2028 que acaba de saír?

A nova convocatoria Leader 2026–2028 está orientada a apoiar proxectos que contribúan ao desenvolvemento económico, social e ambiental do noso territorio, sempre en coherencia coa Estratexia de Desenvolvemento Local do GDR Ribeira Sacra–Courel. Poden presentarse proxectos produtivos, promovidos por persoas autónomas, pemes ou novas iniciativas empresariais, que supoñan a creación, modernización ou diversificación de actividades económicas no rural. Aquí inclúense iniciativas vinculadas ao sector agroalimentario, ao turismo sostible, aos servizos á poboación, á transformación de produtos locais ou a novas actividades innovadoras adaptadas á realidade rural. Tamén poden ser subvencionables proxectos non produtivos promovidos por concellos, entidades públicas ou asociacións, orientados á mellora de servizos, á recuperación e posta en valor do patrimonio, á dinamización social e cultural ou á mellora de infraestruturas de uso comunitario. A convocatoria busca proxectos viables, con impacto real no territorio, que contribúan á creación de emprego, á fixación de poboación e á mellora da calidade de vida, incorporando ademais criterios de sustentabilidade ambiental e innovación.

Desde o GDR, veñen de poñer en marcha o proxecto “Mulleres que contan”, como nace a idea, que obxectivo ten e como está sendo o seu desenvolvemento?

“Mulleres que contan” é un proxecto de cooperación intraterritorial no que participamos catro Grupos de Desenvolvemento Rural galegos xunto coa Asociación Cultural Castelo Conta, que foi quen impulsou a idea a partir dunha experiencia previa desenvolvida na aldea de Castelo. O proxecto nace coa vontade de crear espazos de encontro reais para mulleres do rural, especialmente en contextos onde a soidade, o envellecemento e a dispersión xeográfica dificultan as relacións sociais. O seu obxectivo principal é fortalecer as redes de apoio entre mulleres rurais, promover o intercambio de experiencias e saberes e contribuír ao seu empoderamento persoal e colectivo. A metodoloxía combina fases de mediación e contacto cos grupos participantes, obradoiros centrados no coidado emocional, o autocoñecemento e o desenvolvemento de habilidades, encontros interterritoriais e a produción dun documental audiovisual que recollerá as vivencias e voces das protagonistas Está sendo un proceso moi enriquecedor, no que as participantes non só comparten memoria e experiencias de vida, senón que están construíndo novas relacións e unha rede de apoio que pode ter continuidade máis alá do propio proxecto.

Por que decidiron implicar mulleres de Triacastela, Paradela, Manzaneda e Baroña?

Cada un dos GDR participantes seleccionou o seu territorio en función dunha análise social previa e das características da poboación. No caso do GDR Ribeira Sacra–Courel, escollemos Triacastela por tratarse dun dos concellos máis envellecidos do noso ámbito, onde a soidade non desexada pode ser unha realidade silenciosa para moitas mulleres. Ao mesmo tempo, é un concello que presenta unha realidade diversa, con presenza de mulleres inmigrantes que enriquecen o tecido social local. Esa combinación de envellecemento e diversidade convertíao nun contexto especialmente interesante para traballar a creación de redes, o encontro intercultural e o fortalecemento comunitario. Nos outros territorios cooperantes —Paradela, Manzaneda e Baroña— os respectivos GDR identificaron tamén grupos de mulleres en contornas rurais con características similares, buscando sempre pequenas comunidades onde non existisen estruturas asociativas consolidadas, para favorecer a creación de vínculos novos e significativos. O obxectivo común foi actuar en lugares onde o proxecto puidese ter un impacto real na cohesión social e abrir espazos que, ata agora, non existían.

Teñen outros proxectos en mente?

Si, ademais de “Mulleres que contan”, desde o GDR Ribeira Sacra–Courel estamos a traballar noutros proxectos de cooperación que reforzan a dimensión cultural e social do desenvolvemento rural. Un deles é Interritmos. Sons do rural, unha iniciativa que busca poñer en valor a música como elemento de identidade, cohesión e dinamización territorial, conectando tradición e creación contemporánea. A cultura é tamén unha ferramenta de desenvolvemento, e entendemos que proxectos deste tipo axudan a fortalecer o sentimento de pertenza e a proxectar unha imaxe viva e actual do rural. Ademais, ao longo deste ano está previsto iniciar un novo proxecto tamén vinculado á música, pero cun enfoque especialmente dirixido á mocidade do territorio. O obxectivo será implicar á comunidade máis nova, crear espazos de participación activa e favorecer que a xuventude se sinta protagonista na construción do futuro do rural.

Cal é a proxección de futuro?

A nosa proxección de futuro pasa por consolidar un modelo de desenvolvemento rural participativo, sostible e adaptado ás realidades do territorio. Queremos seguir apoiando o emprendemento, reforzar os servizos e xerar proxectos que contribúan á cohesión social e á calidade de vida nos nosos concellos.

0.10086393356323