Cristian Iglesias renova como capitán do CB Chantada

Cristian Iglesias renova como capitán do CB Chantada para a vindeira tempada. O ala-pívot ourensán nado en 1994 asegúrase así unha tempada máis á fronte do equipo, ofrecendo a súa “experiencia, carácter e calidade na pista”, segundo salientan dende o club.
Iglesias, que chegou ao CB Chantada na tempada 2018-2019, converteuse nunha peza fundamental e nun referente para o equipo e para a afección. Ao longo dos seus anos en Chantada acumulou un total de 1.950 puntos e 368 triplas en 175 partidos oficiais, sen contar os encontros da Copa Galicia, cun rendemento que dende o club cualifican como “excepcional”.
Dende o CB Chantada expresan o seu "gran agradecemento e alegría" por contar unha vez máis co seu capitán. Cristian Iglesias, din, “non é só un xogador”, senón que é “parte da casa, un máis en todos os asuntos que atinxen ao equipo e unha persoa moi querida pola afección”.
A continuidade de Iglesias é un paso clave para o proxecto deportivo do Ucoga Seguros CB Chantada, que se reforza cun dos seus xogadores máis emblemáticos e máis importantes no vestiario de cara á próxima tempada.