Creep

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
rebeca maseda fotos nueva 2022
12 Feb 2023

Por Rebeca Maseda

Radiohead e Coldplay son dúas das bandas de rock – “rock alternativo” para algúns e algunhas – máis icónicas da historia e, a título persoal, direi que son as miñas preferidas desde a adolescencia. Ámbalas dúas británicas, con cancións recoñecibles en medio mundo, con temazos que encabezaron e encabezan as listas de grandes éxitos, con millóns de reproducións en todas as plataformas dixitais, con outros tantos millóns de discos vendidos, enchendo estadios aquí e acolá... Para moitas e moitos son considerados auténticos deuses e non hai dúbida de que ocupan un lugar privilexiado no olimpo da música rock.

Radiohead (Abingdon, Reino Unido, 1985) é considerada a banda de rock máis vangardista da música británica. O seu estilo, digamos unha especie de “grunge” elegante no seu primeiro álbum, “Pablo Honey” (1993), foi derivando cara a experimentacións electrónicas e improvisacións sonoras de evolución imprevisible.

Os cambios de rumbo da formación de Oxford xeráronse sempre desde o seu capital, a voz cantante de Thom Yorke. O grupo creouse nos anos de instituto, vínculo que os mantivo unidos sen moitas fisuras a pesar de converterse nunha banda de culto e ter que asumir o papel de icona cultural. Os seus primeiros concertos foron baixo o nome de “On a Friday” ata que os seus produtores animáronlles a mudar de pel.

Despois dalgunhas demos lanzaron en 1992 o EP “Drill”, que xa contiña algunhas das mellores cancións do que sería o seu álbum de debut. “Thinking about you” e “Prove yourself” facían de coro para o primeiro éxito de Radiohead: “Creep”, buque insignia de “Pablo Honey” que asombrou á crítica pola súa rabia e tenrura de guitarras ferintes e ruidosas xunto a remansos vocais de paz. Os ingleses, que pasaron case furtivamente por Sevilla presentando este disco, empezaron a atraer a mirada dun público heterodoxo que buscaba outros referentes musicais máis aló do encastado “brit-pop” de Blur ou Oasis. “The Bends” (1995), un disco completísimo no que aínda relocen as guitarras - co temazo “High and Dry” - supón un paso novo cara unha xeo-estación sen nome que despexará o seu rótulo en 1997 con “OK Computer”. Este álbum marca a trasfega da banda cara a territorios non explorados xogando con texturas musicais distintas, notas jazz electrónicas e cancións como “Paranoid Android” que deleitan por igual tanto ao crítico “de moderneo” como ao usuario normal de emisoras.

Por se quedara algunha dúbida, Radiohead deixa ben clariño que son a banda de culto do novo século con “Kid A” (2000), onde indagan na súa música minimalista e alternativa. Aínda así, isto non lles impide seguir encabezando as listas de vendas, percorrido que segue “Amnesiac” (2001) e “Hail to the thief” (2003) co seu tema máis dixerible en primeira escoita, “There there”.

Logo dunha necesaria pausa creativa, a banda de Yorke retorna á palestra facendo gala do seu espírito vangardista, colgando “In Rainbows” (2007) na internet e deixando que os compradores marquen o prezo. A revolución non espera e novas bandas imitan o recurso de Radiohead. Catro anos despois deciden repetir unha fórmula parecida con “The king of limbs”, cuxo primeiro anti-single, “Lotus flower”, volve despexar a pista do éxito á banda de Oxford.

Para poñer punto final a esta viaxe polo universo Radiohead, quixera lembrar a modo de homenaxe persoal o retrouso de “Creep”, palabras que todas e todos temos sentido como propias en máis dunha ocasión...

But I’m a creep, Pero son insignificante, I’m a weirdo, Son un “bicho raro”, What the hell am I doing here?, Que diantres estou facendo eu aquí!?, I don’t belong here, Se non pertenzo a este lugar.

Foto Artigo febreiro'23
0.069153070449829