Craega fai un balance positivo do Barómetro 2020

RibeiraSacraXa
Francisco López Valladares presentou en Monforte de Lemos o Barómetro 2020 sobre percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia.
Craega
23 Abr 2021

O presidente do Craega, Francisco López Valladares, presentou hoxe no Hotel Cardenal de Monforte de Lemos o Barómetro 2020 sobre percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia. Estivo acompañado polo secretario, Javier García; o presidente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e o conselleiro do Medio Rural, José González.

Os resultados do Barómetro foron obtidos a raíz dunha enquisa telefónica, realizada á poboación galega maior de 18 anos  e con responsabilidade a través do sistema CATI. A mostra dos 900 enquisados foi feita no último trimestre do pasado ano.

O presidente do Craega foi o encargado de abrir a sesión e detallou algúns dos datos máis relevantes da enquisa, como é o lugar de compra, que segue sendo o supermercado. “O dato máis salientable da enquisa foi que por primeira vez a porcentaxe de consumidores supera a de non consumidores”, indicou López Valladares. Outro dos temas que tocou foi que case a terceira parte os enquisados recoñecen algún tipo de certificación vencellado á alimentación eco, “non obstante, só unha pequena parte é quen de identificar concretamente o selo do Craega; nese aspecto temos que traballar máis”, resaltou durante a presentación. Neste eido, sinalou que “cada vez se esixen máis selos para os produtos, e isto supón que o consumidor non saiba que está comprando; creo que hai que acortar en certificacións”.

O seguinte en intervir foi o conselleiro do Medio Rural. Empezou resaltando os resultados do Barómetro xa que “nos inflúe a nós na toma de decisións”. Ademais, engadiu que “hai moitos selos, pero o do Craega é o máis importante, é o selo do ecolóxico o que liga a orixe natural dos produtos, polo que é relevante ter en conta esta orixe, a base territorial”. Explicou a súa importancia, xa que “en Galicia sabemos como facer produtos ecolóxicos saudables e de calidade. Se van co selo do Craega temos esa garantía”.

“Falamos de produtos que respectan o medio ambiente e que respectan o noso territorio e para nós iso é importante”, explicou. “Temos que dicir todos con orgullo, moito grazas ao traballo do Consello Regulador, que o consumo de produtos eco non é unha moda senón unha tendencia”, engadiu. Ademais, resaltou que Galicia é líder en denominacións de orixe, “pero temos que seguir traballando”, e nesta liña incidiu en que actualizarán a Lei de Calidade Alimentaria e traballarán na Lei da Recuperación da Terra Agraria de Galicia. “É importante ter máis hectáreas e se é de eco, mellor, e con esta lei podemos conseguilo”. Outra das áreas que salientou foi que “contamos con tres aldeas en funcionamento e pronto teremos oito, ás que se poden presentar proxectos ligados a produción ecolóxica”. Para rematar a súa intervención felicitou ao Craega polo traballo a “prol do ecolóxico”.

José Luis Cabarcos puxo de manifesto a importancia dos traballos que realizan desde a Xunta de Galicia. “O Craega, neste sentido, é estratéxico porque pon en valor varios aspectos aliñados cos nosos obxectivos”. Engadiu que todo o que se fala a nivel internacional, Pacto Verde ou Cambio Climático, “todos eles encaixan cos valores do Craega”. Indicou que é estratéxico para os produtores “que están defendendo este modo de traballar máis enfocado ao extensivo” e concluíu lembrando “que hai que medrar nos cultivos extensivos e fomentar a biodiversidade”.

O secretario do Craega foi o encargado de pechar o evento mostrando polo miúdo os datos que se obtiveron na enquisa realizada e que deron lugar ao barómetro de Craega 2020.

0.20570302009583