Coureleando propón dúas novas rutas polo río Lor e o Pico do Coto

RibeiraSacraXa
Serán esta fin de semana e estarán guiadas polo técnico deportivo de media montaña, Guillermo Díaz Aira
rio-Lor-Barxa-de-Lor
Río Lor
9 Apr 2026

Coureleando organiza urante esta fin de semana do 11 e 12 de abril dúas novas actividades de sendeirismo no Courel, que permitirán coñecer a contorna do río Lor e o Pico do Coto.

O sábado 11 de abril terá lugar a Ruta do río Lor, unha andaina de dificultade media, cun percorrido de 15 quilómetros e 630 metros de desnivel positivo, cunha duración estimada de 6 horas. O itinerario, informan desde a organización, é circular e discorre por camiños cómodos e sendeiros, aínda que pode haber tramos embarrados.

A saída realizarase desde o acceso á cantina do Pontón, en Ferreirós de Abaixo (A Estrada), ás 10:00 horas. O percorrido parte de Ferreirós de Abaixo e segue o tramo medio do Río Lor, pasando por puntos como “O Pontón” e a Ferreira Nova. A ruta inclúe pasos polo Camiño Real ata Seoane, a Ferrería Locay, Mercurín e o Castro da Torre, antes de regresar ao punto de partida. Durante o percorrido poderanse apreciar paisaxes de bosque, xeoloxía e elementos da historia antiga do Courel, ademais dunha visita destacada á antiga mina de ferro de Paradela.

O domingo 12 de abril desenvolverase a unha ruta polo Pico do Coto, unha actividade de iniciación á montaña, cun percorrido circular de 5 quilómetros e 500 metros de desnivel positivo, ao que se suma a baixada correspondente. A actividade combina un tramo de subida curto pero esixente e unha baixada igualmente intensa, sendo unha proposta ideal para iniciarse nas ascensións.

A saída, neste caso, será ás 10:00 horas desde o miradoiro de Folgoso do Courel. A ruta ascende ata o Pico do Coto, situado a 1.056 metros de altitude, e desenvólvese por tramos técnicos sen risco de caídas en altura nin exposicións perigosas.

Para ambas actividades recoméndase levar bota de monte ou zapatilla de trail, bastóns, mochila pequena con auga e comida, así como roupa deportiva cómoda por capas. As rutas estarán guiadas por Guillermo Díaz Aira, técnico deportivo de media montaña, e para participar as persoas interesadas poden contactar coa organización por WhastApp, a través do número 626 643 021. O prezo en ambos casos será de 20 euros.

0.11954402923584