Coureleando organiza unha ruta polo “Tramo do Pontido” do Quiroga Trail Challenge 2026

Coureleando organiza o vindeiro sábado 14 de marzo de 2026 unha ruta polo “Tramo do Pontido” do Quiroga Trail Challenge, unha proposta de sendeirismo de alta dificultade que permitirá descubrir un dos treitos máis emblemáticos do Trail do Lor, coñecido como “a ciénaga”.
A actividade terá un custo de 20 euros por persoa e conta con prazas limitadas. As persoas interesadas poden inscribirse a través do WhatsApp 626 643 021. O punto de encontro será diante do Albergue de Quiroga ás 10:00 horas.
O roteiro, circular e cunha distancia de 6 quilómetros, presenta un desnivel positivo acumulado de 480 metros (e outro tanto negativo), cun tempo estimado de catro horas. Está clasificado como de dificultade alta, con tramos técnicos que inclúen barro, descenso por cordas e unha arista rochosa, polo que está dirixido unicamente a persoas afeitas a camiños técnicos e sen medo ás alturas.
A ruta partirá de Espandariz cun primeiro quilómetro suave para quentar as pernas. Desde a curva do Pontido, o grupo tomará un antigo camiño paralelo ao Rego de Parteme, que abandonará no quilómetro 2,5 para internarse, seguindo o trazado do Trail do Lor, nun bosque mixto formado por érvedos, loureiros, aciñeiras, sobreiras e castiñeiros.
O punto máis coñecido do percorrido será a ascensión á cresta rochosa mediante cordas, que permitirá enlazar coa subida ao Alto da Conchada, desde onde se poderán contemplar vistas panorámicas sobre o val de Quiroga e a vila. O retorno realizarase entre os piñeiros da Conchada ata regresar ao punto de inicio.
A organización establece como material obrigatorio bota de montaña GoreTex ou zapatillas de trail, roupa axeitada á climatoloxía (impermeable e por capas) e mochila con auga e comida. Recoméndase tamén o uso de bastóns, así como gorro e luvas en caso de frío, ou crema solar se as condicións meteorolóxicas son favorables.
A ruta estará guiada por Guillermo Díaz Aira, técnico deportivo de Media Montaña, quen acompañará ao grupo durante todo o percorrido.