Coureleando organiza unha nova ruta pola beira do Sil entre Sober e Monforte

Coureleando promove este sábado, 21 de marzo, unha nova actividade de sendeirismo que percorrerá espazos naturais da Ribeira Sacra entre os concellos de Sober e Monforte de Lemos.
A ruta, de ida e volta, partirá desde Vilar de Mouros, en Sober, e discorrerá por un antigo camiño rodeado de sobreiras centenarias, érbedos e castiñeiros. O percorrido levará aos participantes ata as aldeas de Barxa e Froxende, situadas xa no termo municipal de Monforte, lugares que conservan a súa esencia tradicional.
Durante o traxecto, os asistentes poderán observar bancais abandonados e antigos soutos, nunha contorna natural que hoxe serve de hábitat para a fauna salvaxe. Ademais, o itinerario ofrece vistas destacadas da Cubela de Torbeo e dos cumes da Serra do Courel.
A actividade estará guiada polo técnico deportivo de media montaña Guillermo Díaz Aira e terá unha duración aproximada de catro horas.
As prazas son limitadas e as persoas interesadas poden inscribirse contactando coa organización no teléfono 626 643 021. O punto de encontro será o Parque dos Condes, en Monforte de Lemos, ás 9:30 horas.