Coureleando organiza unha nova ruta á Mina de Vilarbacú

RibeiraSacraXa
Será o vindeiro sábado, 22 de febreiro, e estará liderada polo técnico deportivo e de media montaña, Guillermo Díaz Aira
Coureleando
Imaxe de Coureleando
18 Feb 2025

Coureleando organiza o vindeiro sábado, 22 de febreiro, unha nova ruta pola serra do Courel, neste caso ata a mina de antimonio de Vilarbacú. A andaina circular de dificultade moderada estará guiada polo técnico deportivo e de media montaña, Guillermo Díaz Aira.

O roteiro partirá ás 9.30 horas do Mesón Ferreiriño, en Quiroga, e subirá da vella explotación ata os 1.500 metros pasando preto das bocaminas e das ruínas dos edificios presentes na zona. No alto, os participantes poderán divisar o territorio do Xeoparque e montañas como Trevinca, Aquilianos, Ancares e ata os Picos das Médulas. Unha vez chegados ao cordal principal a ruta descenderá cara Piapaxaro ata volver ao punto de inicio.

A mina de Vilarbacú, explican dende Coureleando, foi explotada entre finais do século XIX e mediados do XX, tendo como auxe produtivo as dúas guerras mundiais. Chegou a ter ata 86 traballadores e producir máis de 250 toneladas de material con picos de 400 na primeira guerra mundial con ata 400 traballadores. Tempo despois, sinalan, converteuse nun campo de traballos forzados onde os presos abrían estradas e plantaron árbores ata o seu peche definitivo. Neste intre toda a explotación atópase en estado ruinoso.

0.1739239692688