Coureleando anuncia que debido ás obras da estrada LU-651 limitarán a súa actividade
Desde o colectivo promotor de rutas polo Folgoso do Courel, Coureleando, anuncian que mentres duren as obras da estrada LU-651 non poderán propoñer actividades que impliquen desprazamentos en autobús.
Así, explicaron que “debido as obras que de luns a venres cortan a estrada entre a Ferrería Nova e Seoane de Courel, durante aproximadamente dous meses as nosas actividades non poden realizarse tanto con autobuses como con vehículos pequenos”.
Argumentan que para acceder a Rogueira polo alto do Couto, “o desprazamento será pola Seara sempre e cando os autobuses non superen os 12 metros e para o acceso dende o Cebreiro, os autobuses de máis de 12 metros tampouco poderán xirar en Seoane cara ao Couto”.
Por iso, explican “neses días somente traballaremos con grupos no Courel Baixo ou nos vales de Seara/Visuña ata o alto do Couto ou polo Cebreiro con acceso o val do Río pequeño”.
Tamén din que “as actividades xa programadas que implicaban o uso dese tramo de estrada nos días de peche non poden realizarse e sustituiranse por outras axeitadas ás circunstancias”.