Ante a situación que denuncian, Courel Vivo anuncia que levará ao vindeiro pleno municipal unha proposta para instar ao goberno local a traballar "no cumprimento da Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, así como solicitar a remisión semanal, aos concelleiros que o soliciten, da copia do rexistro xeral de entrada e saída, a realizar a través do programa que se use para tal fin desde o Concello, coas únicas limitacións derivadas da aplicación da Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e Garantía dos dereitos dixitais".
Courel Vivo reclama maior transparencia no Concello
Folgoso do Courel é, segundo Courel Vivo, "un dos concellos menos transparentes da provincia" atendendo ao seu portal de transparencia e, por iso, levarán ao vindeiro pleno unha proposta demandando accións que o fagan "máis transparente e participativo".
Desde Courel Vivo denuncian que os veciños e veciñas do municipio non poden acceder a información e a servizos telemáticos "que si teñen outros concellos similares". Refírense a servizos como ter unha bolsa de emprego aberta todo o ano, "non quince días como agora", con rexistro presencial e rexistro web, "que puidese servir para as persoas do noso concello que están en busca de emprego".
Ter a bolsa de emprego aberta todo o ano, engaden, "serviría tamén para cubrir a queixa que sempre nos manifesta o equipo de goberno de que non atopa xente para cubrir algúns servizos municipais".
A formación asegura que a falla de transparencia afecta tamén "directamente" á labor dos concelleiros "que non temos acceso directo ao rexistro diario, a expedientes, facturas, proxectos…".