Courel Vivo presentará unha moción para mellorar a cobertura móbil e o acceso a internet
Desde Courel Vivo levarán a cabo unha moción para mellorar a cobertura móbil e acceso a internet de calidade no noso concello. Dende a formación, trasladan que O Courel é uns dos concellos que peor velocidade de acceso a internet ten e que máis zonas brancas presenta, que son aqueles que non teñen cobertura de rede móbil ou GSM.
Solicitarán a Amtega e á Xunta de Galicia a especial condición do Courel e que inclúan o Concello na Estratexia Galicia Digital 2030, solicitaranlle ao Ministerio de transición ecolóxica que subsane os datos que “non din a verdade sobre a implantación do 4g no noso territorio” e pedirán que as novas antenas que se instalen veñan dotadas de 4g ou 5g.
Sosteñen que mentres se levan anos de mellora da tecnolóxicas nas urbes, “no rural dificilmente nos chega 3g e mesmo en moitas aldeas hai dificultades para recibir unha chamada desde ó móbil”. Denuncian que en moitas aldeas foi a peor a cobertura ou mesmo se perdeu totalmente, ao que suman avarías en repetidores de GSM e na fibra óptica que “deixa incomunicados durante días á veciñanza”.
Mala conexión
Ademais, recordan que que tras ano e medio dos lumes, aínda seguen as conexións pola cuneta entre Quiroga e Seoane. “Polo que o abandono das compañías e da administración competente cara o Courel, queda demostrada”. Segundo expoñen, esta problemática ocasiona desde trastornos á hora de ir á banca, centros de saúde, chamar por teléfono e para desenvolver un traballo a distancia desde a casa. Con estes servizos, “é moi difícil pedir que se asenten emprendedores e empresas no noso Concello , se non hai unhas infraestruturas en condición”.
A Xunta de Galicia, competente neste servizo, a través de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) aprobou 3,7 millóns de euros para o período 2022-2023 para dotar de cobertura móbil a 290 poboacións de 65 concellos. “No caso do Courel, adxudicaron mellora de cobertura de, pero “xa rematado o 2023, nada se sabe de cando se instalará”.
Por iso, parécelles “insuficiente” o esforzo para mellorar a cobertura, xa que “vemos como cada ano onde había cobertura se está perdendo” e como noutros lugares “se implanta a tecnoloxía 5G e no noso Concello aínda ten aldeas sen poder chamar por teléfono”. Ademais, denuncian quedar fóra de plans como o Plan Galicia 5G ou do que xestiona axudas europeas para a mellora da conectividade, como o Estratexia Galicia Dixital 2023.