Courel Vivo presentará un plan de rehabilitación de vivendas
A proposta será presentada no pleno do vindeiro 24 de xuño.
Courel Vivo presentará en pleno este plan relativo á rehabilitación de edificacións de particulares cedidas ou de titularidade municipal. "A xente está a regresar ó rural. Porén, o noso concello segue a perder poboación. Desde que está gobernando o actual equipo de goberno, perdeuse o 30% da poboación. De continuar nesta tendencia, en 20 anos non quedaremos máis de 400 veciños/as", lamentan desde a formación.
Segundo a visión de Courel Vivo, non se artellaron políticas axeitadas para mudar a situación do rural. Consideran que se debe "mellorar a comunicación, os servizos e o acceso á internet". Non ben, destacan que non resulta menos relevante o asunto da escaseza de casas para aluguer que a xente demanda.
"Ademais de gañar poboación, recuperaranse vivendas facendo que non aumenten as ruínas, que haxa máis man de obra e máis postos de traballo".
Neste senso, desde a formación política recordan que outros concellos gañaron poboación por mor "dun sistema de rehabilitación de vivendas, e poñéndoas a disposición de quen as desexe alugar". Explican que o procedemento consistiría en que "o dono cedese ó concello a vivenda por 10 ou 15 anos. O consistorio faría esta habitable e aseguraría ó propietario a cota estipulada, en caso de falta de pagamento, garantindo sempre que este cobre a mensualidade". Recentes exemplos como o da Pastoriza, que fixo habitables antigas escolas, sumaron xa varias familias á súa demografía. Para Courel Vivo, "son o camiño a seguir se queremos reverter a mala situación demográfica do Courel".
En consonancia, salientan que con este proxecto "ademais de gañar poboación, recupéranse vivendas facendo que non se aumenten as ruínas, que haxa máis man de obra e máis postos de traballo". Lembran que existen axudas importantes para a rehabilitación. De feito, agora mesmo "fica aberta unha para concellos de ata 40.000€ por vivenda e que cubre ata o 90 % da inversión".De tal modo, comprenden que tamén se deberían dedicar futuros obradoiros de emprego a este proxecto.
Pola súa banda, Courel Vivo xa apostou por elaborar un censo de fogares en venda e colgalo en Internet.