Courel Vivo presenta unha moción na defensa da sanidade primaria
O grupo municipal de Courel Vivo rexistrou unha moción para que o Courel non quede nin un só día sen médico nin enfermeiro. A proposta debaterase no Salón de Plenos do Concello. Ademais, solicitáselle á Xunta que redacte e aprobe unha lei de alta montaña para atender de forma específica as singularidades do concello.
"O noso concello está situado nunha zona de montaña cunhas intensas características orográficas e unha ampla dispersión xeográfica. Os preto de 1000 habitantes que aquí vivimos estamos repartidos en 49 aldeas dispersadas en 193 km2. Temos unha poboación envellecida, que representa máis do 70 % do total, cunha penetración de enfermidades crónicas asociadas relevante."
De xeito habitual, “temos dous centros de saúde con dous médicos asignados, un por centro, para atender a todo o territorio e garantir que toda a poboación teña o seu médico de referencia a menos de 30 minutos de distancia, como marca o Real Decreto 137/1984, de 11 de Xaneiro, sobre Estruturas básicas de Saúde, onde di claramente que a unidade básica de saúda (XS) non pode estar a máis de 30 minutos. No caso do Courel, pasa da hora para moitas persoas."
Por este feito piden ser tratados como outras zonas onde tamén lles falta o médico. “Porque as distancias aquí duplican e incluso triplican outras zonas de saúde”. Aseguran que é habitual que ante a falta dun dos facultativos médicos sexa o outro médico o que faga unha intersubstitución do servizo, atendendo el só a toda a poboación, tanto en consulta como en atención domiciliaria, como tamén nas urxencias que poidan xurdir en horario de mañá.
“Isto é de por si unha práctica que no caso concreto deste concello, coa dispersión e as distancias existentes entre os núcleos de poboación, fai que se incumpran ampla e sistematicamente varias normativas sobre o dereito da poboación á saúde."
Courel Vivo faise deste modo eco das recentes protestas veciñais que se veñen sucedendo nas últimas semanas. Durante todo o mes de xuño leváronse a cabo campañas masivas de reclamacións nos centros médicos, concentracións e mesmo creouse unha Plataforma de veciñanza contra o abandono do Courel, que nestes días presentou tamén un escrito na fiscalía para transmitir o seu descontento pola situación de abandono no que se atopa o municipio.