Courel Vivo pedirá no pleno que o Concello de Folgoso do Courel promova certificar o ceo

RibeiraSacraXa
Pedirán que o Goberno local solicite á Fundación Starlight por escrito a intención de conseguir dita certificación, segundo os pasos que marca na súa páxina web
Courel-Vivo-candidatura
21 Ago 2024

Desde Courel Vivo van levar unha proposta ao pleno do Concello de Folgoso do Courel para dar a coñecer e certificar o ceo e atraer turismo de calidade á zona.

No Courel, "contamos cun valor natural que non somos capaces de cuantificar. Polo cal o turismo e os postos de traballo relacionados co turismo teñen que ser fundamentais no deseño do Courel do futuro. Eses valores tamén se estenden ó mundo da astronomía e a calidade dos nosos ceos", explican. Así, din que "contamos cun dos ceos menos contaminados luminosamente, con mellor seeing e transparencias dos mesmos".

Así, argumentan que se precisa turismo de calidade, "que forneza os establecementos e poidan dar postos de traballo, con guías, interpretes do cosmos e demais".

No ano 2017, Courel Vivo presentou unha proposta similar e nese momento en Galicia só gozaban desa distinción 2 zonas, mentres que hoxe xa son 7 as certificacións que deu a Unesco en Galicia. A maiores, a Fundación Starlight permite certificar aloxamentos, onde casas de turismo rural, vivendas turísticas, acampamentos... "poderían obter ser Aloxamento Starlight, tendo material para contemplar o cosmos que se debería subvencionar e así gozarían de moito máis visibilidade a nivel internacional e a fundación enlazaríaas na súa páxina web".

Desde Courel Vivo esperan que, polo ben do Concello, dos negocios turísticos e da veciñanza, se faga algo. "Contamos cun profesional no tema, José Antonio Álvarez, presidente da Asociación Astronómica de Ourense, que considera a zona como excepcional para este tipo de turismo e axudaría no que se precise", explican.

Ademais, lembran que para optar á certificacións, poderíase contar con fondos do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) ou calquera outra ente podería subvencionalo e "poder así dinamizar a zona cun proxecto positivo para a mesma".

Por todo o anterior, o Grupo Municipal de C@urel vivo considera de interese municipal que o Pleno da Corporación solicite á Fundación Starlight por escrito a intención de conseguir dita certificación, segundo os pasos que marca na súa páxina web; abrir unha convocatoria dos establecementos locais que lles interesaría obter a Certificación a nivel particular e traballar con eles para ver a maneira de conseguila; e solicitar á Deputación, Xunta de Galicia, ó GDR Ribeira Sacra – Courel ou calquera outra vía de financiamento que o Equipo de Goberno considere o financiamento para subvencionar tal proxecto.

No pleno tamén se fará fincapé no lento avance das obras no treito de obras Ferrería- Seoane. "Tendo unha falta total de información por parte do Concello e da Xunta de Galicia. Non se explica que se un treito de estrada está totalmente pechado 3 meses, non se aproveite para facer dobres quendas, con máis persoal e maquinaria. Nestes 3 meses só se vai ensanchar e reforzar unha delas. Cando podían aproveitar este corte para facelas todas", conclúen.

0.13798403739929