Correspondencia entre Manuel María e Gabriel Aresti (e IV)

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
12 Sep 2022

Por Raúl Río

Nesta última carta, que escribiu Aresti o 4 de agosto de 1969, fálalle, sobre todo, do cariño que lle ten aos galegos aquí emigrados e tamén dos problemas que lle poñían os seus compañeiros ante a súa intención de unificar o éuscaro. Dicíalle así:

“Amigo Manuel María: Acabo de recibir a túa última carta e vexo o descortés que me portei contigo ao non acusar a xentileza que tiveches ao enviarme o tu excelente disco, anque cría que xa che había contestado. Perdóame.

O teu disco é magnifico e case che vou dicir que me gusta máis que a media dos teus libros, quizá porque na selección de cinco poesías te haxas esmerado máis. Os poemas son boísimos e, caso raro, es o primeiro poeta que coñezo que recita ben os seus versos. Eu para iso son unha calamidade.

Alédame coñecer as túas actividades e que son tan numerosas como selectas.

Eu cada vez estou más vago; fai moitísimo tempo que non falo nin recito en público, pois as leas que despois se organizan póñenme moi nervioso e tiven que cortar. A última charla que dei, precisamente nun teatro de aquí de Bilbao, rematou en tumulto e prometinme non aparecer máis en público. Solo fixen un programa para Ateneo da 2ª cadea, que afortunadamente pasou sen pena nin gloria, e elo practicamente violentado polos amigos.

A última vez que recitei en público foi fai un par de semanas nun funeral popular (misas autorizadas por Roma para Euskadi nas que só intervén o pobo). Eu non son cristián, pero como o funeral era por un dos nosos máis queridos rapaces, que se matou levando o meu coche, crinme na obrigación expresar publicamente a miña dor. Tivemos con el unha terrible perda, pois era o director da campaña de alfabetización”.

Refírese a Ricardo Arregi, que morreu nun accidente de tráfico o día de San Cristovo (10 de xullo de 1969), cerca de Eibar, cando viña para Bilbao.

Volvendo á carta: “Tamén deixei de participar en xurados de literatura culta e popular, polos desgustos que me trouxeron. Algún día contareiche as nosas peripecias de pobo en pobo. Unicamente gardo bos recordos dos xurados do Centro Galego de Baracaldo. Por certo que xa vin este ano a túa “Carta a un amigo que vive no estranxeiro”. Bo conto, pero hóuboos mellores; o mellor para min un que presentou o gañador do ano pasado, un tal Muruais,  que din que se vendeu ao capital, o cal e moi doado de dicir, que de min tamén hai quen o di e estou peor que nunca. Tamén houbo un moi bo dun xoven estudante que escribiu nun mal galego unha boa literatura. O curioso é que me din que o gañador so ten quince años.

O teu conto gustoume moito, pero non o puiden sacar á votación final por una clara alusión que segundo os dous que comigo compoñían o xurado facías á miña persoa. A pesar dilo, é penoso compartir mesa con quen, por encima do valor literario ou político dunha obra (que para min é o mesmo) consideran monstruosidades como alma galega. A máis de catro vascos mandeinos a tomar por onde amargan os rábanos por cousas semellantes, pero estaba en casa allea.

Polo demais aquí seguimos. É doloroso “seguir”, sobre todo nas nosas condicións vascas. Xa apenas queda ninguén ao redor, so os inútiles e os daniños, xa que aos outros, ou nolos matan nas estradas, os encerran nas cárceres ou teñen que saír por patas desas dúas xoias que chamamos Francia e España.

Un cousa que tedes que facer vosoutros, noutro orde de cousas, é chegar á unificación literaria da vosa lingua, cousa que conseguiron fai moitos anos os cataláns e que estamos a punto de conseguir nosoutros.

Nestes últimos tempos dedico toda a miña actividade a labores filolóxicas, particularmente na computación que é un mare-magnum do carajo, complicadísimo, pois para as seis flexións casteláns “he-has-ha-hemos-habéis-han”, en éuscaro existen 515. Imaxínaste que clase de filólogo fará un mal poeta? Pois non hai máis remedio. Considero o quefacer máis importante da xeración vasca á que pertenzo.

Recibe un forte abrazo do teu amigo. Algún día aterrarei por Monforte de Lemos”.

Nunha entrevista que lle fixen á súa viúva, Meli Esteban afirmoume que Aresti ao lado de Manuel María sentíase moi protexido, pois os seus paisanos non entendían a súa visión de futuro e era atacado por uns e por outros; por ser comunista non o querían os nacionalistas de dereitas e os españolistas de esquerdas criticábano por escribir en éuscaro. Incluso Manuel Fraga lle dixo, cando lle entregou en Madrid o Premio Nacional de Literatura, que era unha pena que non escribira en español, porque o lería moita mais xente e el contestoulle con toda a súa dignidade, que cando quixera que o lera mais xente escribiría en chino.

Como dixo Manuel María: “Aresti aínda sigue sendo minoritario porque si algo non se perdoa nesta pel de touro é precisamente a honradez. Aquí perdóase todo, perdóase un cambio de chaqueta, que un se venda, pero a honradez é algo que dificilmente se perdoa porque a honradez é unha conducta limpa, clara e sen fisuras; é unha acusación para aqueles prevaricadores, para aqueles homes que están xogando coa boa fe da xente e sobre todo para aqueles homes que son totalmente venais. Por iso teñen que pasar anos para que esa honradez acrisolada se perdoe e Aresti e unha desas vítimas”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18796181678772