Convocan os concursos de carteis e curtametraxes sobre doazón e transplantes

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou hoxe diversas iniciativas postas en marcha dende o seu departamento destinadas aos estudantes galegos, coa finalidade de fomentar e concienciar sobre a importancia da doazón e os transplantes de órganos e tecidos.
concurso curtametraxes doazon
19 Jan 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou hoxe diversas iniciativas postas en marcha dende o seu departamento destinadas aos estudantes galegos, coa finalidade de fomentar e concienciar sobre a importancia da doazón e os transplantes de órganos e tecidos. O máximo responsable da sanidade galega anima a todos os alumnos e alumnas de Galicia a que participen nesta actividade, coa fin de sensibilizar e promover unha actitude xenerosa, proclive co xesto da doazón e subliñar a importancia dos transplantes entre a mocidade, parte esencial do noso sistema sanitario.

Durante o evento, o conselleiro presentou tres actividades. A primeira é a convocatoria do VI Concurso escolar de carteis relacionados coa doazón e cos transplantes, en colaboración con Gadisa Retail S.L.U. Nesta iniciativa hai dúas categorías de participación; unha primeira, para nenos e nenas de 5º e 6º de educación primaria; e a segunda, para o alumnado de 1º, 2º e 3º de educación secundaria obrigatoria (ESO).

En cada unha destas categorías outorgarase un primeiro e un segundo premio, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente, para a adquisición de material escolar para o centro de ensino. Haberá tamén premios para o alumnado e profesores (tabletas e auriculares).

A segunda das iniciativas presentadas é o X concurso de curtametraxes relacionados coa doazón e cos transplantes de órganos. Está dirixido a todo o alumnado de 4º da ESO, bacharelato, ciclos formativos de grao básico, medio e superior e de ensino artístico regrado de toda Galicia. Cada curtametraxe poderá ser presentada de xeito individual ou en grupo de ata cinco integrantes. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, terán unha duración máxima de dous minutos e estarán en lingua galega, podendo gravarse en calquera dispositivo, incluídos os teléfonos móbiles. O primeiro premio consistirá en 1.000 euros para a adquisición de material escolar para o centro de ensino, e outros 1.000 euros para os participantes, así coma unha tableta para o profesor ou profesora que tutelou o traballo, sendo o segundo premio de 750 euros e tableta.

A terceira actividade é o IX Concurso universitario de curtametraxes relacionado coa doazón e transplante de medula ósea, no que pode participar o alumnado matriculado durante o curso 2023/24 nas universidades galegas e nos centros asociados da UNED en Galicia. O primeiro premio está dotado con 2.000 euros, o segundo con 1.500 e o terceiro con 1.000.

Por último, sinalar que no acto de presentación destas actividades, que Sanidade realiza en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García; e pola coordinadora autonómica de Transplantes de ADOS, Encarnación Bouzas Caamaño.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18123292922974