Convocados 2,1 M de euros para promover o viño galego en países de fóra da Unión Europea
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de 2022 para apoiar a promoción do viño galego en mercados de terceiros países, isto é, fóra da Unión Europea. Contan cun importe de 2,1 millóns de euros, dos que 1,1 millóns están asignados ao ano que vén e o millón restante ao 2023.
Poderán acollerse ás achegas as empresas vinícolas, as organizacións de produtores e as súas asociacións, así como os órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas de viño e as cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados.
Tamén se poderán beneficiar destas axudas as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños, as organizacións profesionais e interprofesionais do sector e as asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.
Ao abeiro destas achegas, as accións e actividades de promoción que se poden desenvolver son todas aquelas nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios, degustacións, etc.
O prazo para presentar as solicitudes de axuda remata o 14 de xaneiro de 2022. A presentación deberá facerse de xeito telemático, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal. As achegas para estas subvencións que xestiona a Xunta están financiadas ao 100% polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).