Convocado o XXXII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte

O Concello de Monforte, a través da súa Concellería de Cultura, convoca o XXXII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte. O Certame desenvolverase do 28 de abril ao 20 de maio de 2025 na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.
No certame poderán participar todos os centros de ensino de Monforte de Lemos representando unha soa obra de teatro; así mesmo tamén poderán participar como invitados outras asociacións ou colectivos locais despois da correspondente petición e da aceptación por parte do Concello de Monforte.
Inscrición e requisitos
As solicitudes de inscrición para a participación no certame poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte. O derradeiro día para realizar a inscrición é o 4 de abril de 2025. A documentación que haberá que presentar é título da obra, autor, reparto, nome do director ou directora, sinopse e duración da mesma.
Todos os participantes no Certame deberán pertencer obrigatoriamente ao centro ao que representan. As obras que representen os centros de ensino terán unha duración mínima de media hora e deberán ser estreadas no certame.
As datas da posta en escena de cada unha das obras que se presenten, serán determinadas pola Delegación Municipal de Cultura e os centros de ensino nunha reunión o 7 de abril de 2025 no Concello de Monforte de Lemos, ás 10.00 horas.
En todo caso, todas as representacións das obras de teatro terán lugar no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, sempre en horario de 20.00 horas.