Convocado o X Concurso de axudas para a confección de traxes da Feira Medieval de Monforte

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de convocar o X Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais, actividade que se realizará dentro do programa de actos da XX Feira Medieval de Monforte do ano 2024.
Feira Medieval de Monforte 2023
28 Xan 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de convocar o X Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais, actividade que se realizará dentro do programa de actos da XX Feira Medieval de Monforte do ano 2024. O concurso desenvolverase dende este luns día 29 de xaneiro e ata o xoves 8 de febreiro de 2024.

O alcalde, José Tomé Roca, salienta que, tras abrir o prazo o pasado 16 de xaneiro para que se poidan inscribir os postos de alimentación, artesanía e comercio, “dende o Concello levamos a cabo unha nova convocatoria coa que queremos animar aos monfortinos e monfortinas a que participen activamente na Feira Medieval, como fixeron sempre, coa confección dos seus traxes medievais, para o cal poderán participar no concurso de axudas, que convocamos a través das tres emisoras de radio locais, dende este luns día 29 de xaneiro e ata o 8 de febreiro”.

Polo tanto, o obxectivo deste concurso é aumentar a participación dos veciños e veciñas de Monforte nos diferentes actos da XX Feira Medieval que terá lugar os días 30 e 31 de marzo de 2024.

O alcalde recorda que “este ano 2024 a Feira Medieval chega á súa vixésima edición, despois da cal xa poderemos solicitar a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025”.

Concurso radiofónico

Os veciños e as veciñas interesados en participar neste concurso de axudas para a confección de traxes medievais deberán chamar ata o 16 de febreiro de 2023 ás emisoras Onda Cero Monforte, Radio Principal Monforte Cadena Ser e Radio Monforte, durante o espazo destinado á súa programación local de luns a venres e contestar a unha pregunta referida a Monforte formulada pola locutora ou o locutor.

O número máximo de persoas participantes será de 60 e non poderán participar aquelas que xa recibiran a axuda nos concursos de confección de traxes medievais dos últimos tres anos. Cada radio repartirá un máximo de 20 premios nominais ás 20 persoas que acerten a pregunta.

Instrucións a seguir polos gañadores do concurso

As radios colaboradoras emitirán unha lista o 9 de febreiro das persoas que acertasen as preguntas co seu nome e teléfono de contacto. Estas persoas deberán pasar polo Concello, entre o 13 e o 20 de febreiro, para realizar unha solicitude formal no Rexistro municipal, para que sexan subvencionadas cunha cantidade máxima de 50 euros por persoa.

Esta subvención deberá ser empregada na confección e elaboración dun traxe medieval que se lucirá nos actos da Feira Medieval os días 30 e 31 de marzo de 2024.

Unha vez sexa emitido o informe polo Departamento de Cultura, no que se poña de manifesto que os solicitantes coincidan coas persoas que acertaron a pregunta no programa de radio e que non houberan participado en concursos anteriores (últimos 3 anos), comprobarase que ditos gañadores se atopen ó corrente de obrigas tributarias co Concello de Monforte, e ditarase unha resolución acordando conceder a condición de beneficiarios ós que cumpran os requisitos, unha vez verificado que non exista impedimento legal para recibir a subvención.

Os beneficiarios da axuda, terán que xustificar a súa participación na Feira Medieval durante os días 30 e 31 de marzo presentándose co seu traxe na Oficina de información da Feira Medieval sita na praza de España.

Tras a celebración da Feira Medieval, os beneficiarios da subvención, entre o 1 e o 9 de abril, deberán presentar ó seu nome no rexistro do Concello de Monforte a factura xustificativa do gasto da tenda colaboradora coa Feira Medieval onde realizou o seu traxe, polo importe concedido como mínimo, no que conste o pago e o concepto.

Unha vez comprobado que a factura reúne todos os requisitos legais e que os beneficiarios participaron na XX Feira Medieval, o Concello emitirá unha resolución recoñecendo a obriga a favor dos beneficiarios e procederá ao pago das axudas. Os participantes neste concurso non poderán participar no Concurso de Traxes Medievais convocado polo Concello.

A inscrición no concurso de axudas para a confección de traxes medievais implica a autorización ó Concello de Monforte de Lemos de todos os participantes inscritos, da recollida e tratamento dos Datos Persoais dos participantes que teñen como finalidade a xestión do concurso convocado polo Concello como a publicación dos gañadores. A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das bases.

https://galiciaxa.com/2024/01/rsxa/ax-rsxa/249573/

0.22191405296326