Convocado o II Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns de Chantada

RibeiraSacraXa
O prazo de inscrición está aberto ata o 10 de xullo no rexistro do Concello
concurso-fachadas-balcons-chantada
Concurso de Fachadas de Chantada
25 Jun 2025

O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Parques e Xardíns, convoca o II Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns. O concurso pretende poñer en valor os beneficios estético-ambientais das fachadas e balcóns como elementos vivos da vila e promover o coidado das vivendas rurais e dos seus espazos verdes. Incentívase así a participación cidadá na mellora da calidade ambiental e no embelecemento da vila e das aldeas.

Desde hai sete anos o Concello de Chantada participa, ademais, no certame de Vilas en Flor, sendo dos concellos que maiores puntuacións reciben e obtendo de maneira continuada 4 Flores de Honra. Con este concurso que este martes, 24 de xuño, se publicaba no BOP, “preténdese seguir impulsando a mellora da imaxe na vila e no municipio cun enfoque no que participan de primeira man os cidadáns”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.

O prazo de inscrición está aberto ata o 10 de xullo no rexistro do concello. No momento da inscrición facilitarase un distintivo que se deberá colocar nun lugar visible para ser identificado polo xurado. Os espazos a concurso deberán estar a exposición, como mínimo, desde o día 14 de xullo ata o día 15 de setembro de 2025.

Poderán participar todas as vivendas do termo municipal de Chantada susceptibles de seren decoradas, diferenciándose dúas grandes áreas: a zona urbana e a zona rural. No caso da vila de Chantada, establécense dúas categorías: unha para fachadas, na que se deberá decorar conxuntamente o conxunto de balcóns que formen parte da mesma fachada dun edificio, e outra para balcóns, destinada ás vivendas que decoren os seus balcóns ou ventás de maneira individual, sen participar na categoría anterior. No ámbito rural, tamén se establecen dúas opcións: a categoría de fachada, para vivendas unifamiliares que decoren exclusivamente a súa edificación, e a categoría de conxunto, dirixida a propostas que, ademais da vivenda, inclúan a ornamentación dun xardín ou espazo complementario.

“Despois da variedade de propostas que tivemos o ano pasado consideramos importante aumentar as categorías e distinguir entre rural e urbano, ademais incrementamos os premios repartindo 2.400 euros en 12 premios”, explica o alcalde.

Os elementos utilizados para a ornamentación déixanse á libre elección das persoas participantes, sempre que se respecten as beirarrúas e as entradas a outras vivendas. A porcentaxe de plantas con flor deberá situarse entre un mínimo do 20% e un máximo do 80% dos elementos presentes na decoración. Todo elemento colgado terá que estar debidamente suxeito á estrutura do balcón, sen que a súa colocación poña en risco a seguridade. Ante calquera accidente, a responsabilidade será da persoa inscrita no concurso.

O xurado cualificador valorará diferentes criterios como a orixinalidade e creatividade da composición, a laboriosidade, o uso de materiais reutilizados e ornamentación non floral, a variedade de plantas empregadas, o colorido, a perdurabilidade da decoración e a calidade ornamental en termos de harmonía e deseño.

Para este concurso de mellora ornamental da vila de Chantada repártense 2.400,00 euros en premios, distribuídos do seguinte modo:

  • Zona Urbana, categoría Fachadas: 1º premio de 300 euros, 2º de 200 euros e 3º de 100 euros.
  • Zona Urbana, categoría Balcóns: 1º premio de 200 euros, 2º de 100 euros e 3º de 50 euros.
  • Zona Rural, categoría Fachadas: 1º premio de 300 euros, 2º de 200 euros e 3º de 100 euros.
  • Zona Rural, categoría Conxunto: 1º premio de 400 euros, 2º de 300 euros e 3º de 150 euros.

    Manuel Lorenzo Varela anima á participación: “Animo a que a xente decore as súas casas tanto na vila como no rural para ter todo bonito nestas datas de verán na que nos visita tanta xente. Desde o Concello tamén colocamos xardineiras nos edificios públicos e seguimos traballando nas zonas verdes e preparándonos para unha nova edición de Vilas en Flor”.

⚙ Configurar cookies
0.16855311393738