Convocado o concurso para elixir o cartel anunciador da XLIV Feira do Viño de Quiroga

RibeiraSacraXa
As propostas deberán presentarse no Concello antes do 19 de febreiro
Feira-do-Viño-de-Quiroga
21 Jan 2026

O Concello de Quiroga vén de abrir o prazo para participar no concurso de deseño do cartel anunciador da XLIV Feira do Viño de Quiroga, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de abril. A iniciativa está dirixida a persoas maiores de 18 anos, que poderán presentar un deseño orixinal e exclusivo.

O cartel deberá xirar arredor da Feira do Viño, poñendo en valor a tradición vitivinícola, a cultura e os valores da comarca. Ademais, teranse en conta elementos representativos do municipio, como a paisaxe, os viñedos, a arquitectura ou as festividades locais.

As propostas deberán ser inéditas, cunha orientación vertical, e presentarse en formato físico, impresas en alta calidade en tamaño A3. O deseño terá que incluír o texto “XLIV Feira do Viño de Quiroga” xunto coas datas de celebración, 3, 4 e 5 de abril, e ser facilmente adaptable para a súa impresión e difusión en distintos soportes, así como para a incorporación de logotipos oficiais. A frase “Quiroga, Concello de interese turístico” será engadida posteriormente pola imprenta.

Desde o Concello aclaran que non se admitirá ningún deseño con contido político, xenófobo, homófobo ou discriminatorio, nin aqueles realizados coa axuda de ningún tipo de intelixencia artificial.
Os traballos deberán entregarse nun sobre pechado que inclúa o cartel impreso, un documento explicativo coa inspiración e os conceptos principais do deseño e o título da obra, así como outro sobre cos datos persoais do autor ou autora. A documentación deberá rexistrarse no Concello de Quiroga, de luns a venres en horario de 9.00 a 13.00 horas, antes do 19 de febreiro.

O deseño gañador recibirá un premio de 300 euros e un diploma acreditativo, e será o cartel oficial da XLIV Feira do Viño de Quiroga. Ademais, a persoa premiada deberá entregar unha copia dixital da obra en alta resolución para o seu uso institucional.
O xurado valorará aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a adecuación á temática, a calidade técnica e estética e a capacidade de adaptación do deseño a distintos formatos. As bases completas do concurso poden consultarse na sede electrónica do Concello de Quiroga.

⚙ Configurar cookies
0.051427841186523