Convocado o concurso para deseñar o cartel oficial da XLVI Feira do Viño de Amandi

O Concello de Sober abriu unha nova edición do seu concurso de deseño gráfico, do que sairá o cartel anunciador da XLVI Feira do Viño de Amandi. O certame, dotado cun premio de 800 euros, pechará o prazo de presentación de traballos o 1 de febreiro. A feira celebrarase do 27 ao 29 de marzo de 2026, coincidindo coa fin de semana de Ramos.
A temática debe centrarse no espírito da Feira do Viño de Amandi, con especial atención ao sector vitivinícola e ao patrimonio cultural da zona. O cartel gañador converterase na imaxe oficial da feira e empregarase en programas, materiais promocionais e outros soportes de difusión. Todos os deseños quedarán en propiedade do Concello, que poderá ceder o cartel premiado a terceiros. O autor conservará unicamente os dereitos de sinatura para o seu currículo.
Para participar, os traballos deben entregarse nun sobre pechado co lema do cartel. Noutro sobre independente, tamén identificado con ese lema, incluiranse os datos persoais do autor: nome, enderezo e teléfono. Os deseños deberán incorporar obrigatoriamente o texto “XLVI Feira do Viño de Amandi. Festa de Interese Turístico. Sober”, a web municipal e as datas da edición de 2026: 27, 28 e 29 de marzo.
As obras poderán presentarse na Casa do Concello entre o 9 de decembro e o 1 de febreiro, de 10:00 a 14:00 horas, ou enviarse por correo postal.
O xurado, integrado por especialistas en deseño e comunicación, emitirá o seu fallo dez días despois do peche do prazo. Se o considera oportuno, poderá declarar o concurso deserto. O cartel elixido darase a coñecer xunto coa programación do Mes do Amandi.