Convocadas novas axudas para executar traballos de silvicultura

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio coa resolución destas axudas convocadas en 2021, das que se beneficiaron 400 beneficiarios
8 Feb 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o anuncio da Consellería do Medio Rural que recolle a resolución das axudas concedidas ao abeiro da orde de 2021 para apoiar as accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, as achegas superaron os 10,2 millóns de euros a case 400 beneficiarios, para actuar nunha superficie de máis de 5.500 hectáreas.

Se analizamos os beneficiarios por provincias, na de Ourense contabilízanse 149 expedientes para 2.737,17 hectáreas, cun importe de máis de 5 millóns de euros; na de Lugo foron 102 expedientes para 1.119,92 hectáreas, cunha achega total de máis de 2 millóns; en Pontevedra hai 97 beneficiarios para actuar en 1.146,20 ha cunha axuda global de máis de 2 millóns e, por último, na Coruña aprobáronse 45 expedientes para traballar en 524,97 hectáreas cun importe de case 1 millón de euros. Así, no conxunto de Galicia son un total de 393 expedientes aprobados, para unha superficie de actuación de 5.528,26 hectáreas, por un importe de máis de 10,2 millóns de euros.

Estas achegas están dirixidas a executar rareos e podas en masas de coníferas, así como a tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro. Trátase maioritariamente de axudas destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor) e propietarios particulares de xeito individual. Cómpre engadir que a xestión forestal sustentable foi obxecto de priorización nesta convocatoria e aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación.

Estas axudas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (arredor do 90%) correspóndese ao primeiro semestre deste ano 2022. Deste xeito, a Consellería do Medio Rural adiántase e asegura unha necesaria continuidade na actividade das brigadas de traballos forestais. Cabe lembrar que segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de labores silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas públicas reforza o compromiso en políticas de emprego activo no sector forestal galego.

O obxectivo destas axudas enmárcase no fomento dunha “nova arquitectura verde” a prol da sustentabilidade, da prevención, da multifuncionalidade e da posta en valor dos montes co fin de que constitúan a cerna dun sector forestal que se consolida definitivamente como unha actividade rural identificativa de Galicia.

Compromiso da Xunta

Esta orde de axudas mostra a aposta decidida da Consellería do Medio Rural pola silvicultura activa, adaptativa (e, por tanto, resiliente) e de proximidade, nun contexto de descarbonización onde o principio de “quilómetro 0” na obtención de recursos naturais sustentables de alto valor engadido conforma un dos principais obxectivos acordados polo Pacto Verde no contexto da Unión Europea.

Así mesmo, dáse cumprimento a varios eixes da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, como ao da contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais, que inclúe medidas tendentes a fomentar a aplicación dunha silvicultura activa como a aplicación dunha silvicultura próxima á natureza, a aplicación dunha silvicultura de frondosas xunto coa transformación de eucaliptais abandonados ou dunha silvicultura dirixida á conservación in situ de recursos xenéticos. Esta convocatoria tamén se engloba nas medidas do Plan Forestal para implantar tratamentos silvícolas que favorezan o crecemento da masa, entre outros, dentro do eixe relativo aos recursos forestais e á cadea monte-industria.

Enlace ao anuncio no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220207/AnuncioG0426-301221-0002_gl.html

0.10194897651672