Convocadas axudas para os tratamentos por enfermidades fúnxicas en coníferas

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de hoxe. É a primeira vez que se convocan estas axudas.
pineiro pino forestal arbores
25 Xan 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan en 2022 as axudas para levar a cabo accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras. Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, estas achegas contan cun orzamento de 500.000 euros para acadar unha superficie de actuación de arredor de 6.000 hectáreas.

Trátase da primeira vez que se convocan este tipo de achegas, malia que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal levou a cabo anteriormente actuacións neste eido -concretamente durante os exercicios de 2020 e 2021-, no marco do seu Programa de saúde e vitalidade forestal.

Así, estas axudas teñen como finalidade acometer tratamentos preventivos de danos producidos por enfermidades fúnxicas en masas estables de piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra) de idade inferior a 25 anos e con defoliación inferior ao 75%.

En concreto, poderán beneficiarse destas subvencións as persoas titulares individuais, as agrupacións forestais de xestión conxunta -incluídas as sociedades de fomento forestal-, as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego e as asociacións e agrupacións de propietarios formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia. Tamén as cooperativas agrarias, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de hoxe, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

0.17095899581909