Convocadas as axudas do Plan Leader
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cun orzamento de 15,3 millóns de euros para as anualidades 2023 e 2024. Pode optar a estar achegas calquera persoa ou entidade a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) do territorio galego para desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas, ben sexan de carácter produtivo ou non.
Trátase da sexta convocatoria de axudas deste tipo no que vai de período Leader 2014-2020, prorrogado por dous anos, e tamén da última deste período. Nel fíxose un esforzo orzamentario para incrementar a contía das axudas dispoñibles para estas actuacións do Leader e, grazas á modificación do PDR, incrementouse nun 50% o orzamento dispoñible para esta convocatoria ata chegar aos 15,3 millóns de euros.
Así, serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través de cada GDR e as persoas beneficiarias de proxectos produtivos poderán solicitar un anticipo de ata un importe máximo do 50% da subvención concedida. No caso dos proxectos non produtivos, esta porcentaxe pode chegar ata o 90%.
Deste xeito, con esta orde de axudas búscase mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida e a inclusión social, entre outros aspectos. Tamén, pretende favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, as persoas mozas, as persoas con discapacidade ou as persoas maiores.
Outros fins que se perseguen son os de garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.
Este orzamento está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta, e as seis convocatorias deste período Leader supoñen unha axuda pública de 90,3 millóns de euros.
Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 31 de xaneiro para presentar as solicitudes, que deberán ser dirixidas -tendo en conta a localización do investimento- ao GDR que corresponda. Así mesmo, deberán presentarse co formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria.