Convocada a X edición do concurso de atletas e clubs deportivos de Monforte

O Concello de Monforte vén de convocar o Concurso para determinar os e as atletas e clubs máis destacados do ano 2024 que se organiza dende a Concellería de Deportes e que este ano alcanza a súa décima edición.
As bases do concurso foron aprobadas na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns 31 de marzo. As categorías son as seguisteis:
- Mellor deportista, masculino e feminino, absoluto do ano 2024
- Mellor deportista promesa, masculino e feminino, do ano 2024
- Mellor adestrador ou adestradora do ano 2024
- Mellor árbitro/a ou xuíz/a do ano 2024
- Mellor equipo de categoría de base do ano 2024
- Mellor equipo de categoría absoluta do ano 2024
- Mellor entidade deportiva na promoción do deporte do ano 2024
- Premio á deportividade e ao xogo limpo.
Establécese ademais unha categoría denominada “Excelencia Deportiva” que poderá conceder o xurado cualificador a aquelas candidaturas que teñan un historial e uns méritos deportivos sobresaíntes.
A presentación de candidaturas poderán ser feitas polos propios candidatos ou por terceiras persoas e o número de candidaturas por cada propoñente non está limitado.
As solicitudes de inscrición deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende o día seguinte á súa publicación na páxina web do Concello, sendo o derradeiro día para presentalas o 16 de abril de 2025.
As solicitudes deberán conter, obrigatoriamente, a seguinte documentación:
- Instancia de solicitude asinada pola persoa interesada.
- No caso de optar ó premio de mellor deportista, absoluto ou promesa, e mellor adestrador, deberá aportarse relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2024 en campionatos oficiais, indicando con claridade todos os datos da competición (denominación, datas, categoría, etc.)
- No caso de optar ao premio a mellor árbitro/a, debe aportarse a relación detallada da súa actividade como árbitro/a – xuíz/a durante o ano 2024.
- No caso de optar ao premio de mellor equipo, promesa ou absoluto, relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2024 en campionatos oficiais indicando con claridade todos os datos da competición (denominación, datas, categoría, etc.)
- No caso de optar ao premio á mellor entidade na promoción do deporte deberase facer unha exposición de motivos na que se fagan constar as razóns polas que deberían ser considerados como entidade deportiva máis distinguida en canto á promoción do deporte no ano 2024.
- Para participar na categoría de premio á deportividade e ao xogo limpo deberase entregar unha memoria explicativa das actitudes de autoestima, cooperación, responsabilidade e tolerancia no deporte que o candidato mostrou durante a actividade levada a cabo no ano 2024.
A listaxe das candidaturas publicarase cando remate o prazo de presentación de solicitudes e os vencedores e vencedoras de cada categoría daranse a coñecer na “Gala do Deporte monfortino” que se celebrará nunha data aínda por determinar.
En cada unha das categorías haberá un único vencedor que recibirá un trofeo acreditativo. Os participantes non premiados recibirán un agasallo conmemorativo do concurso.