Continúas as obras no campo de fútbol San Martiño en Quiroga

RibeiraSacraXa
O Concello de Quiroga traballa nas obras de reforma do Campo de Fútbol San Martiño, polo que o Quiroga FC non poderá xogar alí ata xaneiro.
quiroga campo san martiño obras
27 Oct 2021

O Concello de Quiroga traballa nas obras de reforma do campo de fútbol San Martiño. Neste proxecto de mellora inclúese a remodelación da herba do terreo de xogo, colocando un novo sistema de rego e replantando o céspede. Tamén se acondicionou o campo de adestramento coa colocación dunha capa de terra vexetal e a sementa de céspede. O proxecto incluía tamén a roza e retirada de maleza e a retirada de escombros dunha cancha demolida. Ademais traballase no peche do recinto co levantamento dun muro de bloque e a colocación dunha rede.

Aínda que con labores de mantemento habitualmente, o campo do San Martiño non acolleu grandes remodelacións dende hai unha década cando se construíron os novos vestiarios, se acondicionaron as gradas e se asfaltou o aparcamento.

Co inicio da colocación do novo sistema de rego, que no día de onte visitaban o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e o concelleiro de deportes, Andrés Novoa, acompañados do concelleiro de Cultura, José Luis Rivera; o equipo de fútbol Quiroga F.C. que iniciou esta fin de semana a liga na segunda autonómica, non poderá disputar ningún partido na casa polo menos ata o mes de xaneiro.

Ademais da reforma do campo de fútbol San Martiño tamén se levan a cabo melloras nas pistas multideportivas do parque da Constitución. Nestas dúas instalacións deportivas investiranse preto de 100.000 euros. Serán dúas fontes de financiamento distintas coas que se conte para realizar estes traballos de mellora. Por unha parte a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia aportará 48.394 euros, mentres que do Plan Único da Deputación Provincial de Lugo investiranse outros 48.387´90 euros.

En canto ás melloras proxectadas nas pistas multideportivas do parque da Constitución, xa se realizou a roza e limpeza do talude da parte de abaixo e agora vaise substituír a malla inferior e cerrarase a pista con madeira tratada.

0.17357206344604