Continúan os traballos de mellora na vía LU-617 entre Monforte e Escairón

RibeiraSacraXa
Continúan os traballos de mellora na vía LU-617 entre Monforte e Escairón coa extensión dunha nova capa de rodaxe
oparamo obras
28 sep 2022

Estanse a realizar novos traballos de acondicionamento na vía LU-617 que une os municipios de Monforte e Escairón coa extensión dunha nova capa de rodaxe.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a marcha destas obras de mellora da estrada autonómica LU-617 que xa se atopan na fase de extensión da nova capa de rodaxe.

As obras céntranse no acondicionamento de 11,5 quilómetros dende a glorieta na que conecta a vía de altas prestacións CG-2.2, no punto quilométrico 1,5, ata a intersección coa estrada LU-615 en Escairón, no punto 13.

Arias confirmou que os traballos avanzan a bo ritmo, polo que se estima que poderán finalizar no vindeiro mes de outubro sempre e cando as circunstancias climatolóxicas sexan favorables.

O proxecto contempla a realización de fresados localizados e reposición do pavimento a carril completo nas zonas deterioradas. Tamén se inclúe un reforzo do firme cunha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente na totalidade do treito.

O delegado explicou que a actuación forma parte dun contrato para acondicionar o pavimento nas estradas LU-617, LU-611 e LU-603 ao seu paso polos concellos de Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda.

A intervención, completarase cunha serie de actuacións para mellorar a seguridade e as prestacións das tres vías autonómicas, como a instalación de sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, barreira de seguridade ou cunetas.

A Xunta investiu un total de 1,5 millóns de euros nestas obras, que suporán a mellora do firme nun total de 17 quilómetros das tres estradas. Os traballos comezaron no mes de xullo e contan cun prazo de execución estimado de seis meses.

0.18673419952393