Continúan as obras de mellora na vía entre Monforte e O Saviñao
Continúan as obras de mellora do firme en 12 quilómetros da vía de altas prestacións CG 2.1, que une Monforte de Lemos co Alto do Faro. Así pois, explicouse que os traballos avanzan a bo ritmo e que se está a aproveitar o clima favorable para axilizar a actuación.
Actualmente estase a traballar no estendido da nova capa de rodadura no treito do corredor obxecto da mellora, que discorre polos concellos do Saviñao, Pantón e Monforte. As tarefas obrigan a cortar o tráfico por tramos e estanse a realizar en tres fases, nas que se habilita un desvío alternativo pola estrada LU-617 para minimizar a afección á circulación.
Neste momento as actuacións afectan ao tramo entre o punto quilométrico 16+500 e o enlace Escairón Este. Os traballos nesta parte da vía realízanse en dúas fases sucesivas e está previsto que rematen a finais da vindeira semana, sempre que as circunstancias meteorolóxicas sexan propicias.
Na terceira e última fase, o corte realizarase entre o enlace Escairón Este e o punto quilométrico 4+800, cunha duración prevista de dúas semanas, o tempo estimado para realizar os traballos neste treito.
Ademais, explicouse que posteriormente se rehabilitará o firme en 10 quilómetros da estrada LU-533 entre Chantada e Escairón, unha intervención incluída neste mesmo contrato, no que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste 2 millóns de euros.
Ambas actuacións de acondicionamento do firme, cun prazo de execución estimado de seis meses, completaranse con outras intervencións como a renovación da sinalización horizontal e a instalación de tacos de resalto ou captafaros.
Estas obras enmárcanse no Plan de reforzo de firmes da provincia de Lugo e contribuirán a mellorar a seguridade nun importante nó de comunicacións para os veciños das comarcas do Sur de Lugo, destacouse.