Continúan as obras de mellora na estrada que conecta Sober con Doade
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisaron este luns as obras de mellora que a institución provincial está executando na estrada provincial LU-P-5903, que conecta Sober e Doade.
Uns traballos nos que a institución inviste preto de 100.000 euros para renovar o treito comprendido entre os puntos quilométricos 13 e 13,740, e aos que dará continuidade con novas obras que vén de adxudicar por outros case 120.000 euros para actuar no seguinte quilómetro. Polo tanto, o investimento total da Deputación nesta estrada alcanza os 220.000 euros, entre o proxecto que está en marcha e o recén adxudicado.
Con respecto ao proxecto que se está acometendo, este luns desenvolvéronse os labores de aglomerado en quente, logo de que xa quedaran rematados os traballos de ampliación da plataforma ata conseguir unha anchura de 5,5 metros e se fixeran as tarefas de drenaxe necesarias. Agora renovarase a sinalización horizontal co fin de reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios e usuarias. A previsión é que quede rematada nas vindeiras semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.
José Tomé subliñou que “non só beneficiamos con esta actuación a centos de veciños e veciñas de Sober, senón tamén a numerosos visitantes que empregan esta estrada para coñecer a comarca da Ribeira Sacra, os miradoiros e as adegas”.
O presidente lembrou que a Deputación dará continuidade a estas obras coa execución de novas actuacións, que veñen de ser adxudicadas por preto de 120.000 euros. Trátase do treito que vai do quilómetro 13,740 ata o 14,480, unhas obras ás que a Xunta de Goberno lles deu o visto bo a pasada semana.
Deste xeito, a Deputación continúa a mellorar a rede viaria provincial, favorecendo deste xeito a seguridade, o equilibrio territorial e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia de Lugo.