Continúan activos os incendios de Maceda e Chandrexa de Queixa

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O lume na parroquia de Requeixo, en Chandrexa, acumula preto de 800 hectáreas calcinadas
Incendio
11 Aug 2025

Os incendios de Maceda e Chandrexa de Queixa continúan activos este luns tras varias xornadas.

No concello de Maceda, o lume na parroquia de Castro de Escuadro iniciouse na noite do sábado, entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta a unha posible intencionalidade. A situación 2 declarada pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira foi desactivada esta madrugada. Para a súa extinción mobilizáronse ata agora 3 técnicos, 11 axentes, 17 brigadas, 14 motobombas, 4 pas, 3 helicópteros e 6 avións.

No concello de Chandrexa de Queixa, na parroquia de Requeixo, o incendio está activo desde o venres ás 15:51 horas. Segundo as estimacións provisionais, afecta arredor de 800 hectáreas. No operativo traballan 11 técnicos, 33 axentes, 55 brigadas, 26 motobombas, 5 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 11 avións.

En cambio, o lume que afectaba o concello de Padrenda está controlado desde o sábado ás 22:03 horas. O incendio afecta unhas 40 hectáreas e para a súa extinción participaron 7 axentes, 19 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.

⚙ Configurar cookies
0.14359998703003