Continúa o Mercado de Nadal de Monforte con novas actividades
O Mercado de Nadal de Monforte comezou a pasada fin de semana para alargarse ata o 24 de decembro. Nesta ocasión, esta fin de semana, 17 e 18 de decembro, volverá a abrir as súas portas o Mercado de Nadal no marco da iniciativa Circuítos de Artesanía e Música Galega, unha proposta de animación, con actividades para nenos e nenas, e propostas musicais para todos os públicos, á vez que se potencia o comercio e a artesanía, con produtos para agasallos.
Na Praza de Abastos haberá postos venda de produtos de Nadal e artesanía e entre as 12.00 e a 13.00 horas, celebraranse diversas actividades coma contacontos, espectáculos de maxia, cantos de Nadal. E pola tarde, obradoiros de artesanía e demostracións artesanais.
O Concello xa celebrou a primeira fin de semana cun concerto do grupo Dixie Kings na rúa Cardenal, que animou as rúas comerciais e á hostalería, e este fin de semana as encargadas de amenizar os veciños e veciñas serán as rapazas que conforman o grupo Malenne.
Dende o Concello, subliñou Gloria Prada, “animamos a todos os monfortinos e ás persoas que nos visiten estes días, que acudan ó noso Mercado de Madal, que aposten por comprar no comercio local e disfruten da nosa hostalería, e que participen neste completo programa de actividades que desenvolveremos na Praza de Abastos e na rúa do Cardenal”.
Novos expositores e actividades
Como actividades destacadas arredor do Mercado, haberá o contacontos de Nadal a cargo de César No, o sábado ás 12.00, e ás 20.30 horas actuará na rúa do Cardenal o grupo monfortino Malenne.
O programa tamén inclúe, na propia Praza de Abastos, as actuacións da Asociación Cultural Amigos da Pandereita, o sábado 19.00 horas, e do cantautor Emilio Rúa, o domingo ás 12.00; e as demostracións de Olería de Gundivós de Elías González completarán a oferta desta fin de semana.