Continúa activo e en Situación 2 o incendio forestal de Pantón-Pombeiro

O incendio forestal declarado no concello de Pantón, parroquia de Pombeiro, continúa activo desde que se iniciou o xoves ás 14:16 horas. A Consellería do Medio Rural mantén decretada a Situación 2 de maneira preventiva pola proximidade das lapas ao núcleo de Lornís. As últimas estimacións sitúan a superficie afectada en arredor de 150 hectáreas. Nos traballos de extinción participan numerosos medios: ata o momento mobilizáronse 8 técnicos, 29 axentes, 40 brigadas, 35 motobombas, 6 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 8 avións.
Na provincia de Lugo tamén se mantén controlado o incendio rexistrado en Barreiros, na parroquia de San Xusto de Cabarcos. Este lume, iniciado o pasado domingo e estabilizado o martes ás 21:59 horas, afectou a unhas 140 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción foi necesaria a intervención de 8 técnicos, 75 axentes, 101 brigadas, 80 motobombas, 4 pas, 2 unidades de apoio, 7 helicópteros e 2 avións.
Pola súa banda, en Ourense segue activo o incendio declarado no Bolo, parroquia de Vilaseco, que comezou o xoves ás 23:47 horas. Tamén neste caso se activou a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Santa Cruz. A superficie afectada rolda as 30 hectáreas e no operativo participan 3 técnicos, 10 axentes, 13 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 9 avións.