Continúa aberto o prazo do concurso para elixir o cartel da XLV Feira do Viño de Amandi
O Concello de Sober ten aberto o prazo para o seu tradicional concurso de deseño gráfico coa fin de elixir o cartel anunciador da XLV Feira do Viño de Amandi, que se celebrará os días 11, 12 e 13 de abril, coincidindo coa fin de semana de Ramos.
Os deseños deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no patrimonio e cultura da comarca.
O deseño gañador será empregado como cartel anunciador da XLV Feira do Viño de Amandi, así como nos programas de man e outro material promocional. Os restantes carteis presentados poderán ser expostos se o Concello así o considera.
A entrega de orixinais farase na Casa do Concello ata o día 21 de febreiro de 2025. O horario de entrega será de 10:00 a 14:00 horas. Tamén poden ser enviados por correo postal ao Concello de Sober.
O xurado emitirá o seu fallo 10 días despois do peche da convocatoria e o cartel darase a coñecer xunto coa programación do Mes do Amandi. O Concello de Sober aumenta o importe do premio en 100 euros con respecto ao pasado ano, sendo nesta ocasión de 800 euros para o ganador.