Continúa a mellora dos distintos lugares do Concello de Taboada
O Goberno local de Taboada, representado por Roi Regueira, vén de informar das diferentes actuacións no municipio efectuadas pola brigada de obras e servizos do Concello na pasada semana, consistentes en traballos de mellora.
Así, limpáronse cunetas e a fonte de Vilela, retiráronse árbores caídas en vías públicas, como en Sobrecedo ou San Pedro; acondicionáronse varios elementos da vía pública, substituíronse contedores en mal estado e limpáronse sumideiros na vila.
Ademais, acondicionouse a pista que vai da Medela a Castelo e a fonte e lavadoiro do lugar de Caxín, así como se solucionaron diversas avarías provocadas pola auga en distintos puntos, atendendo tamén ás diversas incidencias.
Desde o Goberno local valoran positivamente estes traballos, que melloran a vida dos veciños do municipio e informan de que se seguirán supervisando as distintas obras a realizar en vindeiras datas, para seguir acondicionando todos os lugares de Taboada.