Conta atrás para a XLIII Feira do Viño de Quiroga

A Feira do Viño de Quiroga está próxima e así o anunciou este sábado a Confraría do Viño de Quiroga co seu tradicional desfile pola rúa Real.
Sobre as 13.00 horas, os confrades, ataviados co seu traxe de gala, composto dunha capa de cor burdeos e sombreiro negro, e acompañados do Grupo de gaitas O Recanto, percorreron a travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Museo Etnográfico de Quiroga.
Este solemne acto, que preside o Confrade Maior, o alcalde quirogués José Luís Rivera Castro, e o presidente da Confraría, J. Manuel Rodríguez, forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga dende o ano 2012, ano no que se fundou esta congregación. Este ano o desfile contou cun número maior de integrantes, posto que foi o primeiro acto oficial no que participaron os novos membros da institución vitivinícola que tomaron posesión do seu cargo no pasado mes de marzo.
Como remate do desfile, xa a porta pechada, os membros do gremio realizaron unha asemblea anual nas instalacións do Museo Etnográfico.
XLIII Feira do Viño de Quiroga
A Feira do Viño de Quiroga de 2025 celebrarase o 18 e o 20 de abril, cun extenso programa de actividades que arrancará cunha homenaxe aos pioneiros desta cita. Ademais, durante a primeira xornada actuará o grupo local Mario Colomán & The Clocks Band, no recinto feiral, que abrirá ás 21.00 horas.
O sábado, as casetas estarán abertas dende as 11.00 horas, con actividades durante todo o día, como o XVI Certame Celtibérico de bandas de gaitas “Memorial Muiño”, o pregón a cargo de Fernando Romai,, a entrega dos premios do Concurso de Carteis, o Val de Tapas e o concurso de casetas e, por último, a actuación de ‘La banda de ayer’.
O domingo, as casetas estarán abertas pola mañá e a xornada contará coa animación de rúa a cargo da banda de gaitas O Recanto e da Banda de Música de Antas de Ulla.