Por ser unha cidade confortable
Por Fernanda Arrojo
Nas miñas colaboracións anteriores falei de que Lugo é unha cidade accesible por todo o acadado na eliminación de barreiras físicas (arquitectónicas, urbanas, de transporte, de comunicación) e de que maneira, pouco, a pouco, foron desaparecendo atrancos socio-mentais existentes nunha pequena capital de provincia, cando se fomenta a participación das persoas con discapacidade en todo tipo de actividades, incluídas as recreativas, rompendo con moitos prexuízos e estereotipos.
Pódese dicir que todas estas limitacións estaban impostas por outros, por terceiras persoas. Mais hoxe vou falar das propias, é dicir, das que as persoas con discapacidade autoimpoñémonos.
Estas autolimitacións xorden no día a día, cando saír de casa convértese nunha incómoda tarefa xa que tes que prever circunstancias que poden ser resoltas ou non, e empezas a dubidar se vou ou non, se vale a pena ou non.
E pensas niso máis de dúas veces e, a non ser que sexa obrigatorio, depende do estado de ánimo que teñas ese día e da motivación que atopes, desterras ou non todo tipo de xustificacións e saes á rúa a contactar co exterior do teu lugar de confort. Confort, comodidade que é importante atopar fóra da casa.
Unha vez escoitei a alguén que unha cidade cómoda é aquela na que se chega antes en coche que a pé. E penso que, de momento, Lugo o é.
Ir dun extremo ao outro da cidade, por exemplo de Garabolos á avenida de Madrid, (oito quilómetros, aproximadamente), en coche pode levar, dependendo do tráfico (e segundo Google Maps), dez minutos. E camiñando, incluso rodando, máis ou menos, corenta.
Isto supón que existe a posibilidade de aproveitar mellor o tempo, de estiralo se é necesario, ofrecendo a oportunidade de facer moitas cousas ao longo do día. E por riba de todo, desfrutalo coa familia, cos amigos, cun mesmo paseando e descubrindo unha morea de cousas.
Cando se chega dunha gran cidade na que para facer calquer desprazamento tes que tomalo con calma e co tempo, moverse por Lugo e decatarse de que o día che dá a oportunidade de facer varias cousas, é unha gran vantaxe!
E o é aínda máis cando se ten mobilidade reducida, de inmediato caes na conta de que todo está a man, a pesar das dificultades que se poden presentar, como por exemplo atopar as prazas de aparcamento reservadas ocupadas por xente sen tarxeta.
Esta comodidade prodúceme seguridade e, se estou nun ambente cómodo e seguro, prodúceme confort. Ademáis, se teño información real sobre como podo facelo, a onde teño que ir, hai ou non liña de autobús, praza de aparcadoiro, accesibilidade... todo isto afórrame tempo e estrés, salvagardando a miña comodidade, o meu confort. E apetece saír á rúa, sen máis, sen obrigas nin escusas, soamente por desfrutar da cidade e das súas xentes. Por iso, considero que Lugo é unha cidade confortable.